Porén, malia que a Xunta é plenamente consciente dos graves erros, tanto na delimitación coma na xeolocalización de numerosos xacementos arqueolóxicos, continúa recomendando o emprego do visor telemático, como ferramenta para avaliar se cómpre ou non solicitar autorización á hora de realizar traballos forestais en zonas potencialmente protexidas. A última ocasión tivo lugar coa publicación do decreto 73/2020, do 24 de abril, da Consellaría de Medio Rural, co cal a Xunta pretende axilizar e simplificar a execución de máis de 100.000 aproveitamentos forestais ao ano en montes de xestión privada, e que entrará en vigor o vindeiro 9 de xuño.
ADEGA e Mariña Patrimonio urxen de novo á Consellaría de Cultura a corrixir canto antes os erros do visor e a retiralo cautelarmente, ou cando menos, que se advirta claramente aos usuarios que, debido ás eivas detectadas, esa ferramenta non é fiable nin recomendable como información validada. Esta información que se fai pasar como oficial, ademais de poñer en risco xacementos arqueolóxicos catalogados e protexidos, pode provocar que os propietarios forestais se enfronten a elevadas sancións por danos contra o patrimonio cultural.
10 casos destacados no Norte da provincia de Lugo
Tras unha nova revisión dos datos xeográficos contidos no visor de aproveitamentos forestais, ADEGA e Mariña Patrimonio realizaron unha escolma de 10 erros de xeolocalización do patrimonio cultural na zona Norte da provincia de Lugo, entre os múltiples detectados no visor, para mostrar a pouca fiabilidade dos datos que recolle esta publicación oficial da Xunta de Galicia:
1. Castro de Quenllas do Forno (Guitiriz): o visor só marca como zona protexida 1/3 do xacemento.
2. Castro O Curveiro-Nois (Foz): A maior parte do xacemento quedou fóra da delimitación deste castro costeiro.
3. Castro de Meirengos (Ribadeo): Das 4 hectáreas que ocupa este xacemento, só se sinala como superficie protexida 0,5 Ha.
4. Castro da Vela (Xove): A Xunta reduce a zona protexida deste castro de 6Ha a 0,45Ha no visor de aproveitamentos forestais.
5. Castro Castelo (Xove): Neste caso, o erro consiste en darlle máis superficie ao castro da que ten. De 1Ha pasaría a sinalarse erroneamente unha superficie protexida de 8,5 Ha.
6. Mina romana de ouro da Espiñeira (Foz): A extensión que ocupa esta antiga mina romana de 45 Ha é reducida pola Xunta a 2 Ha no visor de aproveitamentos forestais.
7. Castro da Forca (Viveiro): Mentres que a superifice real do xacemento é de 0,36 Ha, a Xunta dá por válida unha delimitación que amplía esta superficie a 4 Ha.
8. Mámoa de Tras As Airas (Fonsagrada): A Xunta localiza esta mámoa nunha ladeira de forte pendente, a 1 quilómetro de distancia de onde realmente está situada. Ademais nesta zona, fican 2 mámoas por catalogar e, por tanto, quedan desprotexidas.
9. Arquela da Pruída (Fonsagrada): A Xunta despraza esta mámoa 123 m da súa localización real.
10. Antiga capela e cemiterio de Santo Estevo do Ermo (Barreiros): A Xunta sitúa esta antiga igrexa no aparcadoiro da nova capela, a 120 m da súa correcta xeolocalización.
Asemade, ADEGA e Mariña Patrimonio fan un chamamento ás persoas e asociacións preocupadas e interesadas polo patrimonio cultural de Galiza para que revisen e denuncien calquera erro de xeolocalización ou delimitación que detecten no visor de aproveitamentos forestais para evitar, no posible, a destrución irreparable do patrimonio protexido.