A Mariña, 2 de xuño de 2020.- O pasado 15 de maio, ADEGA e Mariña Patrimonio alertaban ás Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura que a actualización da información xeográfica do patrimonio cultural vertida no visor de aproveitamentos forestais da Xunta de Galiza, adoecía dun número considerable de erros de xeolocalización de xacementos arqueolóxicos. Vinte días despois da denuncia, a Consellaría de Cultura segue sen contestar e sen explicar de que forma vai proceder para reparar os erros detectados, e se vai facer unha revisión profunda e completa da actualización dos datos de xeolocalización do patrimonio cultural de Galiza no visor de aproveitamentos forestais, tal e como lle foi requirido por ADEGA e Mariña Patrimonio. Este organismo é o único que fica por contestar á reclama de ADEGA e Mariña Patrimonio, xa que ambos colectivos xa recibiron notificación da Consellaría de Medio Rural e da Consellaría de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, na que non desmenten a existencia de erros e descargan toda responsabilidade na Consellaría de Cultura, nomeadamente, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Porén, malia que a Xunta é plenamente consciente dos graves erros, tanto na delimitación coma na xeolocalización de numerosos xacementos arqueolóxicos, continúa recomendando o emprego do visor telemático, como ferramenta para avaliar se cómpre ou non solicitar autorización á hora de realizar traballos forestais en zonas potencialmente protexidas. A última ocasión tivo lugar coa publicación do decreto 73/2020, do 24 de abril, da Consellaría de Medio Rural, co cal a Xunta pretende axilizar e simplificar a execución de máis de 100.000 aproveitamentos forestais ao ano en montes de xestión privada, e que entrará en vigor o vindeiro 9 de xuño.
ADEGA e Mariña Patrimonio urxen de novo á Consellaría de Cultura a corrixir canto antes os erros do visor e a retiralo cautelarmente, ou cando menos, que se advirta claramente aos usuarios que, debido ás eivas detectadas, esa ferramenta non é fiable nin recomendable como información validada. Esta información que se fai pasar como oficial, ademais de poñer en risco xacementos arqueolóxicos catalogados e protexidos, pode provocar que os propietarios forestais se enfronten a elevadas sancións por danos contra o patrimonio cultural.
10 casos destacados no Norte da provincia de Lugo
Tras unha nova revisión dos datos xeográficos contidos no visor de aproveitamentos forestais, ADEGA e Mariña Patrimonio realizaron unha escolma de 10 erros de xeolocalización do patrimonio cultural na zona Norte da provincia de Lugo, entre os múltiples detectados no visor, para mostrar a pouca fiabilidade dos datos que recolle esta publicación oficial da Xunta de Galicia:
1. Castro de Quenllas do Forno (Guitiriz): o visor só marca como zona protexida 1/3 do xacemento.
2. Castro O Curveiro-Nois (Foz): A maior parte do xacemento quedou fóra da delimitación deste castro costeiro.
3. Castro de Meirengos (Ribadeo): Das 4 hectáreas que ocupa este xacemento, só se sinala como superficie protexida 0,5 Ha.
4. Castro da Vela (Xove): A Xunta reduce a zona protexida deste castro de 6Ha a 0,45Ha no visor de aproveitamentos forestais.
5. Castro Castelo (Xove): Neste caso, o erro consiste en darlle máis superficie ao castro da que ten. De 1Ha pasaría a sinalarse erroneamente unha superficie protexida de 8,5 Ha.
6. Mina romana de ouro da Espiñeira (Foz): A extensión que ocupa esta antiga mina romana de 45 Ha é reducida pola Xunta a 2 Ha no visor de aproveitamentos forestais.
7. Castro da Forca (Viveiro): Mentres que a superifice real do xacemento é de 0,36 Ha, a Xunta dá por válida unha delimitación que amplía esta superficie a 4 Ha.
8. Mámoa de Tras As Airas (Fonsagrada): A Xunta localiza esta mámoa nunha ladeira de forte pendente, a 1 quilómetro de distancia de onde realmente está situada. Ademais nesta zona, fican 2 mámoas por catalogar e, por tanto, quedan desprotexidas.
9. Arquela da Pruída (Fonsagrada): A Xunta despraza esta mámoa 123 m da súa localización real.
10. Antiga capela e cemiterio de Santo Estevo do Ermo (Barreiros): A Xunta sitúa esta antiga igrexa no aparcadoiro da nova capela, a 120 m da súa correcta xeolocalización.
Asemade, ADEGA e Mariña Patrimonio fan un chamamento ás persoas e asociacións preocupadas e interesadas polo patrimonio cultural de Galiza para que revisen e denuncien calquera erro de xeolocalización ou delimitación que detecten no visor de aproveitamentos forestais para evitar, no posible, a destrución irreparable do patrimonio protexido.