Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberta a inscrición para as Xornadas Técnicas Virtuais de expomar

 Burela, 20 de xuño, 2020. As XXVII Xornadas Técnicas de Expomar marcarán na mañá do xoves 25 de xuño un fito ao tratarse da súa primeira edición virtual non presencial nos seus xa 27 anos de historia. Para poder asistir a este evento online hai que rexistrarse previamente na plataforma dixital a través da que se retransmite, o que pode facerse facilmente desde a web www.expomar.com.
Baixo o título “A Pesca, un sector esencial; e agora, que?” preténdese analizar a situación pesqueira actual desde distintos puntos de vista, tendo en conta o impacto da COVID-19 e o BREXIT nun sector esencial como a pesca, así como as principais repercusións sociais e económicas esperadas para os próximos meses.
O foro, que ía ter lugar en Burela os pasados 28 e 29 de maio pero se aplazara pola situación de estado de alarma, terá lugar entre as 10:00h e as 14:00h e comezará coa presentación a cargo do Presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, e a intervención da Secretaria Xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villaoriz.
Xa no desenvolvemento da Xornada participarán a Directora Xeral de Pesca da Consellería do Mar da Xunta Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda; o Presidente da European Fisheries Alliance (EUFA), Gerard van Balsfoort; e o Secretario Xeral de CEPESCA e Presidente de EUROPECHE, Javier Garat.
Como en tódalas edicións presenciais, ao finalizar o encontro terá lugar un debate aberto entre tódolos participantes, que será moderado polo Director de ABANCA MAR, Javier Fraga. Os asistentes ao encontro virtual tamén poderán facer chegar as súas preguntas a través do chat da aplicación.
A clausura das Xornadas Técnicas 2020 correrá a cargo da Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, a partir das 13:00h.
As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación EXPOMAR, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.

Exit mobile version