Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta reclama ao goberno que fixe un prezo eléctrico competitivo a curto prazo para evitar os despedimentos en Alcoa

18,00 h.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reunirase por videoconferencia coa mesa de traballo da planta de Alcoa en San Cibrao. Na sala de xuntas da Consellería (edificio administrativo de San Caetano, 4º andar
foto xoán crespo
23/06/2020

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde na mesa industrial de Alcoa San Cibrao, na que reiterou que para evitar o despedimento de 534 traballadores da planta –ademais dos empregos indirectos afectados– é preciso que o Goberno ofreza a curto prazo un prezo eléctrico competitivo.

Tras a reunión, Conde incidiu en que as medidas adoptadas polo Goberno son insuficientes e explicou que os contratos bilaterais non impide o peche da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao, xa que os seus efectos empezarían a notarse a medio e longo prazo. Por iso, volveu solicitar que se publique no BOE a convocatoria da poxa de interrompebilidade para o segundo semestre; que se concreten as compensacións por emisións de CO2 ata o máximo permitido pola Unión Europea; así como que se aprobe un estatuto –prometido polo Goberno central hai máis de ano e medio– no que se concrete un marco eléctrico competitivo para a industria electrointensiva, atendendo ás alegacións presentadas por Asturias, Cantabria e Galicia e polo propio comité de empresa de Alcoa San Cibrao.

Do mesmo xeito, o conselleiro, que solicitou á empresa que paralice o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) mentres se busca unha solución, sinalou ao mesmo tempo que o Goberno debe reaccionar e poñer sobre a mesa medidas que garantan un prezo eléctrico competitivo para a planta de San Cibrao a curto, medio e longo prazo. Neste sentido, reclamou ao Goberno que non peche a mesa industrial ata garantir o mantemento dos empregos.

O conselleiro lembrou a proposta realizada pola Xunta de destinar á electrointensividade unha parte dos fondos europeos que Galicia poida recibir polos plans de industrialización das empresas que desenvolven servizos esenciais, así como un préstamo participativo para completar a modernización da empresa e garantir a súa produción durante as próximas décadas.

O titular de Economía, Emprego e Industria sinalou que “a Administración autonómica lle trasladou ao Goberno o seu compromiso de traballar conxuntamente cos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica nun plan industrial”.

Exit mobile version