A Xunta informa hoxe en Foz destas medidas, que no que respecta ao comercio local teñen por obxecto fortalecer a súa posición ante os novos hábitos de compra e as restricións impostas pola alerta sanitaria. Así, publícanse hoxe as dúas primeiras medidas neste sentido, os cheques de dixitalización e o Galicia Exporta Dixital, ás que se destinan 7 e 3,6 millóns de euros, respectivamente. Ademais, a próxima semana activarase unha nova convocatoria das axudas para fomentar a interconexión dixital das pemes dotada con 5,4 millóns de euros.
A principal novidade son os cheques de dixitalización, que achegarán axudas do 80% dos investimentos realizados por proxectos que teñan como obxecto a implementación de tecnoloxías dixitais para a adaptación á situación provocada pola covid-19, como o teletraballo, as solucións de conectividade no eido rural, ou sistemas de notificación e de control sanitario e aforo, entre outros mecanismos.
Igualmente, a Consellería convocará mañá as achegas para centros comerciais abertos, asociacións de praceiros e federacións, dotadas con 2,5 millóns de euros. No marco desta colaboración xurden iniciativas como a que hoxe presenta a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (ACIA) de Foz, o primeiro canal de venda online para os seus establecementos asociados. Trátase dunha plataforma común no que cada comercio disporá dun escaparate propio, que inclúe un buscador por nomes ou categorías e permite realizar pedidos a domicilio.
Tamén se publicará mañá outra liña de apoios para a reforma de establecementos de cara ao cumprimento das restricións e as medidas de seguridade obrigatorias polas circunstancias sanitarias.