Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta impulsa a contratación de 21 persoas perceptoras da Risga en sete concellos mariñáns, cun investimento de 258.000 euros

 Lugo, 6 de xuño de 2019. A Consellería de Economía, Emprego e Industria facilita a contratación de 21 veciños e veciñas da Mariña en risco de exclusión social perceptores da renda de integración social de Galicia (Risga). A Xunta destina un investimento de 258.200 euros a financiar a sete concellos da comarca para que contraten a persoas do seu municipio que se atopen nesta situación.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas proporcionándolles a práctica profesional necesaria, a través dun contrato laboral que será subvencionable durante 9 meses.

Na Mariña os concellos de Ribadeo e Foz contratarán a cinco persoas respectivamente, cinco o de Burela, e dous os de Barreiros e Cervo, mentres que Xove e Mondoñedo incorporarán a un traballador en cada caso.

A Consellería axilizou nas últimas semanas a resolución deste programa, que foi un dos beneficiados polo levantamento da suspensión dos prazos acordada o 6 de maio, o que permitiu continuar con procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos.

Grazas a estas achegas, os concellos poden incrementar o persoal dos servizos municipais; a maior parte dos postos ofertados son para peóns de obras, de xardinaría e de limpeza. A Xunta asume os custes salariais totais -salario e seguridade social- para un máximo do 75% da xornada.

Os beneficiarios desta iniciativa serán aqueles perceptores da Risga que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados. Entre eles, terán preferencia aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, conten con cargas familiares ou teñan máis de 45 anos.

A asignación dos recursos realizouse por estrito orden de entrada en base ao número de persoas perceptoras da Risga de cada concello. Establécense distintos tramos que van dende dúas contratacións como máximo para os que contan con menos de 10 perceptores ata 40 contratacións máximo para os que suman máis de 700 persoas nesa situación.

Exit mobile version