Lugo, 25 de xuño de 2020. A Consellería de Economía, Emprego e Industria informou hoxe aos empresarios da provincia de Lugo das novas liñas de axuda para adecuar o seu modelo de negocio fronte ás limitacións impostas pola crise do coronavirus.
A Delegación Territorial da Xunta organizou un seminario web no que participaron, entre outros, a delegada territorial en funcións, Marta Barreiro, e a xefa territorial da Consellería en Lugo, Pilar Fernández, ademais de técnicos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que explicaron os programas do Cheque de dixilitalización, Reactiva Comercio Seguro e Reactiva Servizos e Turismo Seguro. Todos son de concorrencia non competitiva, e iranse resolvendo por orde de entrada en función do crédito dispoñible.
A primeira liña de axudas subvencionará a implementación efectiva de tecnoloxías dixitais, dede sistemas de control de presenza ou de capacidade ata solucións de teletraballo ou adaptación da persenza na internet. As outras dúas convocatorias pretenden contribuír a xerar confianza nos consumidores mediante a adopción de medidas para crear espazos seguros, como pantallas protectoras para mostradores, dispositivos de control de aforos ou adquisición de medios de protección e hixiene para empregados e clientes, entre outras.