Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e as empresas de gran consumo eléctrico coinciden na necesidade inmediata dun prezo eléctrico competitivo para dar unha solución a esta industria e aos 5000 empregos en Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantén unha reunión por videoconferencia coa Asociación de Empresas de Gran Consumo Enerxético (AEGE).

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2020. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha reunión, esta tarde, con representantes da Asociación de Empresas de Gran Consumo Eléctrico (AEGE) para avaliar a situación do sector en España. Nesta reunión, Xunta e empresas coincidiron en subliñar a necesidade inmediata dun prezo eléctrico competitivo para ofrecer unha solución tanto a esta industria como aos 5000 empregos a ela asociados en Galicia.

Neste sentido, tanto a Administración autonómica como o tecido empresarial agardan que o Goberno achegue unha solución definitiva na mesa de Alcoa San Cibrao convocada para mañá, xa que despois de ano e medio a prioridade sen resolver segue a ser a mesma: fixar un prezo eléctrico estable que permita á industria electrointensiva galega competir en igualdade de condicións co resto de Europa e evite o peche da única planta que actualmente produce aluminio primario en España.

Por iso, desde a Xunta e o sector inciden na urxencia de aprobar un Estatuto electrointensivo que achegue este marco enerxético e no que se teñan en conta as alegacións presentadas en Galicia e que foron consensuadas coa industria galega e cos gobernos de Asturias e Cantabria. Tamén é preciso un plan de investimentos específico que permita acceder aos novos fondos europeos e que, polo tanto, dea viabilidade e garantías de futuro a longo prazo a esta industria. Ademais, aínda está pendente de convocar a poxa de interrompebilidade para o segundo semestre.

En definitiva, unha vez avaliada con AEGE a situación actual desta industria, Conde sinalou que hai marxe de actuación e que o Goberno ten sobre a mesa os instrumentos necesarios para reverter a situación.

Exit mobile version