Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 166.600 euros a colaborar con oito entidades da provincia para impulsar programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade

 Lugo, 18 de xuño de 2020. A Xunta de Galicia colaborará con oito entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da provincia de Lugo para que desenvolvan programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da convocatoria pola que se lles conceden a estes colectivos achegas por un importe conxunto de 166.594 euros.

As axudas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), van dirixidas a financiar programas que teñan como obxectivo promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación, fomentar a igualdade de oportunidades, así como aumentar a integración sociolaboral das persoas pertencentes a colectivos máis vulnerables a través de actuacións que promovan a igualdade de xénero e a conciliación da vida laboral.

As entidades beneficiarias deben comunicar que aceptan as axudas concedidas e os programas subvencionados terán que estar executados antes do 30 de setembro.

Tipos de programas

Os programas que se financian poden ser de dous tipos: de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de 3 anos e en situación de especial vulnerabilidade; e de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos.

Estas actuacións inclúen, entre outros recursos, servizos de orientación e información, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, apoio e orientación laboral, ou actividades para adquisición de habilidades persoais e sociais básicas.

Con estas axudas, o Goberno galego pretende fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación laboral, social e persoal.

Teñen a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade, entre outras, as vítimas de violencia de xénero; inmigrantes, emigrantes ou refuxiadas; pertencentes a minorías étnicas; dependentes do consumo de substancia tóxicas; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións; reclusas ou ex-reclusas; transexuais ou con conflitos de identidade de sexo; con discapacidade ou enfermidade mental; maiores ou viúvas; sen fogar; ou desempregadas de longa duración.

Exit mobile version