Burela, 10 de xuño, 2020. A orientación deportiva centrará o segundo relatorio das IX Xornadas do Deporte Academia Imdecum. Continuando coa modalidade en Zoom, será o vindeiro luns, 15 de xuño (12.00 horas), coa colaboración do especialista en deporte na natureza Xan Mariano Trigo Recarey.
Aberto para todo o público interesado: INSCRICIÓN EN ZOOM
Relatorio: “A orientación deportiva: Aproximación a unha modalidade de turismo activo en alza”
O ourensán, organizador de probas e xuíz controlador autonómico de orientación, leva dúas décadas da súa vida unido á orientación deportiva. Licenciado en Educación Física e con experiencia como docente, Xan Trigo conta cunha dilatada vinculación cos tres paus das actividades físico-deportivas na natureza (terra, auga e aire), abranguendo disciplinas como a escalada, o montañismo, a espeleoloxía, os deportes de inverno, a vela, o canoísmo, as augas bravas, o salvamento acuático, o paracaidismo, etc. Ao longo destes anos, participou nos WMOC de 2008 en Portugal e 2015 en Suecia (campionatos mundiais de veteranos de O-Pé), na categoría OPEN do Mundial de O-BTT Portugal 2010 e como balizador na ARWS Gallaecia Raid en 2018 na Coruña.
O podólogo Miguel Murias para a estrea
O podólogo do Pescados Rubén Burela Fútbol Sala, o burelao Miguel Ángel Murias Carrasco, será o primeiro convidado nesta novena edición, aberta a todo o público, para falar sobre “Os pés do deportista e a importancia da prevención de lesións”; será este venres, 12 de xuño, ás 19.00 horas. Todos os interesados en participar aínda poden rexistrarse no relatorio a través de Zoom.
LIGAZÓN PARA REXISTRARSE, “Os pés do deportista e a importancia da prevención de lesións”