Lugo, 12 de xuño de 2020. A Deputación de Lugo inicia o proceso de formación do alumnado do plan provincial Prende! Bota raíces no rural, un programa que ten como obxectivo crear emprego xuvenil e fixar poboación nas zonas menos poboadas da provincia. Así o anunciaron este venres a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, na rolda de prensa na que deron conta dos asuntos acordados na Xunta de Goberno.
Un total de 50 alumnos e alumnas comezarán este luns o período teórico nos 4 cursos de formación especializados e, a principios de xullo, iniciarase un de autoemprego. Debido á situación derivada da Covid-19, as sesións terán unha modalidade mixta, cunha parte telemática e outra presencial. “Queremos que a xente nova se quede a traballar e a vivir no noso rural, e con este novo programa dámoslles ferramentas para conseguilo, axudándolles con formación e experiencia laboral a atopar un futuro nos seus concellos ou nas súas comarcas, ben sexa como emprendedores ou por conta allea”, subliñou Rivera Capón, responsable da área que coordina o programa.
As especialidades son: Hostalería e Turismo, no que participan 14 alumnos e que vai impartir a Asociación de Hostalería de Monforte de Lemos; Agricultura e Gandería, participan 8 alumnos, darao Unións Agrarias na Granxa Gayoso Castro; Medio Ambiente, a formación a 9 alumnos será en Pedrafita do Cebreiro a cargo da Asociación Sectorial Forestal Galega; Enerxía e Auga impartirase no Valadouro, participarán 13 alumnos e corre a cargo da Asociación Empresarial Eólica; e, por último o de Autoemprego, que realizará a formación a asociación de Xoves Empresarias e Empresarios da Provincia de Lugo.
Estas formacións teóricas rematarán o 13 de xullo e darán paso ao período práctico. Na segunda fase do programa, a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral.O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada.
Pola súa banda, os traballadores e traballadoras contratados percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. Este plan de emprego conta cun orzamento de 300.000€ achegados nun 92% polo Fondo Social Europeo.
Prórroga do servizo de mantemento de zonas verdes
A voceira provincial socialista explicou que a Xunta de Goberno aprobou ata final de ano o encargo á empresa pública Tragsa do servizo de mantemento de zonas verdes provinciais. O mes de decembro, a Deputación de Lugo mercou unha acción de Tragsa a través da cal esta empresa pasou a ser medio propio instrumental da entidade provincial. Nese mesmo mes, a institución aprobou tamén o encargo do mantemento das zonas verdes á empresa pública, o que permitiu a subrogación dos traballadores e traballadoras que pertencían a SUPLUSA, nas mesmas condicións laborais e salariais.
Ese encargo de 6 meses recollía a posibilidade de prórroga por outros 6 meses, que é o acordado hoxe, contando cos informes das áreas de Medio Ambiente, Intervención e Contratación.
Esta prórroga durará entre o 1 de xullo ata o 31 de decembro, e o importe económico é de 413.000€.
Formación audiovisual
A Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou este venres o número de prazas, o calendario e os requisitos da matrícula nos ciclos superiores de Produción e Realización para o curso 2020-2021 do Centro de Formación Audiovisual do Servizo de Audiovisuais, a antiga Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC.
A Deputación ofrece 20 prazas para cada un dos ciclos. A matrícula será gratuíta por décimo terceiro curso consecutivo, agás para os repetidores. O prazo de preinscrición estará aberto do 22 de xuño ao 3 de xullo. Os interesados deberán presentar unha fotocopia do DNI, a certificación académica e cumprimentar o impreso que atoparán na web www.deputacionlugo.gal ou no propio centro. A documentación debe entregarse na sede do CFA, na rúa Frei Plácido Lemos s/n de Lugo.
O 7 de xullo publicarase, no taboleiro de anuncios do centro e na web da Deputación, a listaxe provisional de admitidos, de solicitantes que quedan en lista de espera e de excluídos. Do 8 ao 10 será o prazo para as reclamacións, e o día 14 publicarase a lista definitiva de admitidos, en espera e excluídos. A matrícula ordinaria poderá formalizarse do 15 ao 30 de xullo no centro educativo, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
No caso de que haxa máis demanda que número de prazas, a prioridade para a matriculación será a seguinte: solicitantes con titulación de bacharelato que se determine para cada ciclo; titulación dunha modalidade de bacharelato distinta; de técnico superior; e universitaria. Dentro de cada colectivo darase prioridade a quen se matricule por primeira vez no ciclo; quen teña a maior nota media no expediente académico; e ao sexo menos representado no ciclo formativo solicitado na matrícula do curso anterior.
Contrato de comunicacións
A Xunta de Goberno aprobou sacar a contratación os servizos de comunicación da Deputación, isto é, a prestación do servizo de telefonía fixa, móbil, datos e acceso a internet para todas as dependencias da institución provincial.
Este contrato ten un orzamento base de licitación superior aos 2,5M€ para os catro anos de duración aos que como máximo pode chegar, dous iniciais, máis outros dous de prórroga.
O contrato ten tres bloques. En canto ao servizo de seguridade da rede, neste novo contrato refórzase a protección, entre outras medidas, cun servizo anti ataques para evitar que os equipos queden indispoñibles por saturación de peticións de ordenadores e máquinas ilexítimas, e despregando unha segunda barreira de cortafogos. Ademais, desenvolverase unha parte de formación en ciberseguridade para os empregados e empregadas do servizo de Novas Tecnoloxías co fin de dotar e reforzar os coñecementos e prácticas nun mundo en constante evolución.
En canto ao servizo de telefonía fixa, móbil e acceso a internet, mantense a rede interadministrativa provincial, na que están, ademais do Pazo de San Marcos, 19 sedes externas e 49 concellos; e os centros remotos dependentes da Deputación, ademais de 335 números de teléfono públicos e 166 liñas móbiles.
Polo que respecta ao bloque de mantemento de electrónica e equipamento de rede, renóvanse os mantementos e soportes de fabricante dos equipos e electrónica da rede da Deputación, entre os que se encontran 200 puntos de acceso wifi.