A distribución de material por municipios determinouse de maneira proporcional ao seu número de habitantes. “Este material comezamos a entregalo esta mañá de martes nos concellos cos medios do Parque Móbil e mañá quedará completado o reparto”, subliñou o Presidente, quen detallou que a maior parte das empresas ás que a Deputación contratou a subministración pertencen á provincia de Lugo, o que tamén contribúe á dinamización do tecido económico.
No mes de abril, a institución provincial entregou outra remesa de 72.000 mascarillas aos concellos con estas mesmas características, polo que con esta entrega, os municipios percibiron ata o momento un total de 169.000 unidades de protección facilitadas pola Deputación.
Tomé Roca explica que este material se financia con fondos propios da institución. “Esperamos que a Xunta de Galicia cubra o resto da poboación e dea continuidade ás necesidades que poidan darse proximamente. Hai que lembrar que as competencias en materia de Sanidade seguen sendo exclusivas da Comunidade Autónoma, polo que é a súa responsabilidade repartir este tipo de material de protección á cidadanía”, recalcou.
O mandatario provincial lembra así mesmo que o Posto de Mando Avanzado da Xunta de Galicia centraliza as peticións dos concellos en relacións coas necesidades de material, en coordinación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), tal e como publicou o Diario Oficial de Galicia o 22 de marzo. Pero explica que malia que “as competencias non residen na institución provincial, a Deputación decidiu realizar estas entregas financiadas con recursos propios para cooperar cos concellos e reforzar o abastecemento”.
A Deputación responde así mesmo á súa función esencial de “concello dos concellos. É o noso deber e responsabilidade cooperar coas entidades locais, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender o mellor posible aos seus veciños e veciñas”, subliñou o Presidente.