Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa-Museo Álvaro Cunqueiro prosegue as súas actividades coa publicación do encartable Cunqueiro en Elsinor. Cincuentenario da visita do escritor ao castelo de Hamlet (12-6-1970 / 12-6-2020)

 Mondoñedo, 10 de xuño de 2020. Esta publicación recolle facsimilarmente un manuscrito de Álvaro Cunqueiro redactado por este no día no que visitou, hai exactamente medio século, o castelo de Elsinor en Dinamarca. O manuscrito, que vai asinado polos seus amigos os intelectuais e escritores Josep Obiols e Néstor Luján, que o acompañaban naquela visita, recolle tamén a reprodución fotográfica da ponliña dunha árbore que Cunqueiro recolleu ao pé da fortaleza do seu admirado Hamlet, a quen dedicou a famosa peza teatral O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958), alén doutros moitos artigos e escritos nos que tamén se ocupou de William Shakespeare e da súa obra.

Ademais deste facsímile, Cunqueiro en Elsinor incorpora un texto do Coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro no que se pon de relevo a ocasión e importancia da visita cunqueiriana ao castelo e se dá conta da presenza e importancia da figura e da escrita de Shakespeare na súa obra.

Así mesmo, o encartable, que vai estoxado nun sobre impreso, reproduce varias imaxes, entre elas o artigo “No hay almenas en Elsinor” que o propio Cunqueiro escribiu relatando a súa visita á fortaleza danesa.

A Casa-Museo Álvaro Cunqueiro publica Cunqueiro en Elsinor mercé á colaboración do Concello de Mondoñedo, a Fundación Penzol (depositaria do manuscrito) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia (patrocinadora da publicación), entidades ás que agradece o seu apoio.

Exit mobile version