Durante todo este tempo de adaptación ás novas circunstancias, A Mariña traballou duramente para garantir o mantemento dunha atención axeitada, de calidade e moi necesaria ás persoas con problemas de saúde mental.
Dende o comezo da crise sanitaria séguese a atender aos 92 usuarios, realizando actuacións en varios eidos nos distintos dispositivos, xa que os CENTROS DE REHABILITACIÓN PSICOSOCIAL E LABORAL permaneceron pechados ata o día de hoxe tendo que recibir os usuarios atención telemática e domiciliaria.
Hoxe abrimos os Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e Ribadeo, primeiro para facer unha valoración psicolóxica individual, previa cita ,para nuns días contar con actividade presencial en pequenos grupos de mañá e de tarde ; cumplindo coas recomendacións para a reactivación por parte do Sergas.
A partir de hoxe tamén se comezará co servizo de limpeza e desinfección diaria por parte de empresas especializadas, ampliando , por tanto, este servizo.
Ao largo destes dous meses e medio fixéronse moitas intervencións para promover a estabilidade clínica dos nosos usuarios, xa que as persoas que presentan un trastorno mental severo constitúen un colectivo de especial atención ante o risco de que poidan presentar descompensacións na súa patoloxía de base. Estes son os datos mais relevantes :
-Fixéronse un total de 1470 acompañamentos terapéuticos , 1413 atencións psicosociais e 472 atencións domiciliarias.
As atencións en piso protexido suman un total de 2569 actuacións (conviven 5 usuari@s) as da vivenda de mulleres víctimas de violencia de xénero 3678 (conviven 4 usuarias) e as da Unidade Residencial 9463 (conviven 24 usuari@s).
Tamén se fixeron 291 atencións a familiares e este fin de semana reanudamos as visitas con todas as garantías debido a un protocolo preventivo.
Ata o pasado 25 de Maio conseguiramos o máis importante, cero descompensacións psiquiátricas e por tanto cero ingresos na Unidade de agudos do servizo de Psiquiatría. Ese día tivemos o primeiro.
Pero agora toca vivir unha nova “normalidade” e para iso comezamos con novos proxectos terapéuticos e formativos e nesta nova forma de traballar, temos previsto que cada usuario teña o seu material individualizado, para evitar compartir, e así non asumir riscos .
Aquí é onde temos que agradecer á Asociación de Mulleres de San Ciprián a súa colaboración co noso colectivo, donándonos material para a actividade terapéutica de “Arteterapia”. Grazas a esa donación cada usuario contará coa súa carpeta na que haberá libro de mandalas, folios, lápices, gomas, afilas, lápices de colores, rotuladores…. o que redundirá nunha mellora terapéutica de cada usuario.
A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña foi fundada en 1999 por familias afectadas por problemas de saúde mental que uniron os seus esforzos para loitar por un obxectivo común: lograr que aos enfermos mentais e ás súas familias se lles preste unha axuda e asistencia continuada, buscando a súa integración na sociedade e traballando, para iso, na súa rehabilitación. Actualmente conta con Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral en Burela e en Ribadeo, un piso protexido en Burela, a Unidade Residencial de Cervo e unha vivenda para mulleres con enfermidade mental vítimas de violencia de xénero. Forma parte, xunto a outras 14 asociacións galegas, da federación Saúde Mental FEAFES Galicia.