Viveiro, 14 de maio, 2020. Este, xoves 14 de maio, celebrouse na nosa cidade o mercado semanal por segunda vez desde o confinamento.
Aumentou o número de persoas que ofertaron seus produtos e estas, coma en ocasións anteriores, puxéronos á venda preto do chan.
A falta de previsión ‒como vén sendo habitual‒ do equipo de goberno permite que isto ocorra incluso en ocasións como a presente, na que a pandemia que estamos a padecer eleva notablemente os riscos para a saúde.
Segundo manifesta Luis Manuel García Otero, voceiro de SON Viveiro-SON en Común, na reunión que terá lugar mañá, proporá diante do resto de portavoces que nos vindeiros mercados se coloquen as mercadorías nunhas mesas coas que conta o propio Concello, formadas por dous cabaletes e un taboleiro e que se viñeron utilizando habitualmente en eventos tales como a Feira Renacentista ou a Romaxe do Bo Xantar de Naseiro.