Site icon Crónica3.com A Mariña

Queremos Galego: “Acumulamos décadas de incumprimento sistemático das cativas normas favorábeis ao uso social e público do galego”

Compostela, 4 de maio de 2020. A plataforma cidadá Queremos Galego publicou esta mañá na súa páxina web o manifesto que escribiu a profesora da Universidade da Coruña e activista pola lingua María do Pilar García Negro para este 17 de maio. García Negro diríxese a Ricardo Carvalho Calero, autor homenexado no Día das Letras Galegas de 2020, nunha carta aberta na que recorda que “os seus estudos, os seus artigos, analisaron perfeitamente a impostura radical da lexislación constitucional e estatutaria verbo da normalización necesaria da lingua de noso” e denuncia que “aínda por riba desta limitación, acumulamos anos e anos –décadas– de incumprimento sistemático das cativas normas favorábeis ao uso social e público do galego”.

A discípula de Carvalho Calero advirte na súa misiva que “a última década resulta particularmente escandalosa no maltrato que as autoridades autonómicas usan para co galego”, explicando que “se procedeu directamente a lexislar na súa contra, a confinalo aínda máis do que xa estaba, a fomentar descaradamente a españolización por todas as vías: ensino, meios de comunicación, sociedades públicas…” “Non se trata só dun desprezo pasivo”, dille García Negro a Carvalho Calero e, a través del, ao conxunto da sociedade galega, “senón da exclusión organizada con toda a prepotencia e, ao tempo, con todo o servilismo á indiscutida lingua oficial do Estado”.

A profesora e activista recorda a intervención de Carvalho Calero no encontro sobre os problemas e as necesidades da nosa lingua de que derivou na constitución da Mesa pola Normalización, o mes de abril de 1986 e comunícalle ao mestre que “as nosas demandas, as nosas reclamacións, a nosa loita pro-galego foi ratificada e corroborada por non poucos organismos internacionais, desde a UNESCO até a propria ONU, pasando por diferentes instancias europeas”. E remata recuperando as palabras de Carvalho: “Hai que ganhar ou recuperar para o uso normal do galego aqueles sectores sociais que hoje tenhem como língua normal o castellano”. Esta é unha tarefa á que queremos convocar, co amor, o respeito e o afán que a causa da lingua merece, advrite García Negro, a toda a povoación galega e, nomeadamente, todos os mozos e mozas en cuxa man está a digna perpetuación viva do noso idioma. “Somos galegas e galegos. A mellor forma de que esta condición se exteriorice, de que non se disimule, de que se admita coa necesaria naturalidade e orgullo, é a práctica da nosa lingua. Neste Día das Letras Galegas, a vostede dedicado, manifestámoslle o noso afecto, a nosa memoria agradecida, a débeda con vostede contraída, débeda e exemplo que queremos converter en actos positivos para a lingua que vostede tanto e tan ben tratou e arrequeceu”.

Queremos Galego, composta por máis de 600 entidades, anima a sociedade galega a manter as mobilizacións do 17 de maio, pendurando de xanelas e varandas a bandeira galega e cartaces que reivindiquen a nosa lingua co lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión como os que a plataforma ofrecerá desde a súa web, listos para descargar e imprimir en difetentes formatos. “A lingua galega non ficará confinada este 17 de maio”, asegura Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego (audio dispoñíbel aquí), que chama tamén ás persoas usuarias das redes sociais a partillar ao longo de todo o día vídeos e fotografías de anteriores convocatorias baixo as etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego e #17demaio.

A palataforma cidadá pretende, desta maneira, manter o 17 de maio a reivindicación de avances reais para o galego, aproveitando a data para recordar a obriga que teñen todos os poderes públicos de cumprir co sinalado tanto polo Comité de Ministros do Consello de Europa como polo relator especial da ONU para as minorías nacionais. Queremos Galego recorda que ambos os dous organismos internacionais advertiron expesamente da necesidade de garantir que a cidadanía galega poida empregar a súa lingua en ámbitos como a xustiza, a administración pública e o ensino. O Comité de Ministros do Consello de Europa instou a “eliminar todos os obstáculos para o ensino en galego en Galiza”, o que implica a derrogación “inmediata” do decreto de plurlingüísmo”.
O mesmo Consello de Europa indicou recentemente a obriga dos poderes públicos de daren información sobre a COVD19 nas linguas propias. A este respecto, Queremos Galego sinala que non podemos permitir que o máximo desprezo á nosa lingua nestes tempos veña do presidente da Xunta, utilizando como lingua principal o castelán nas súas comparecencias públicas. Con esta actitude, o presidente da Xunta mostra desprezo polo seu cargo, polas súas obrigas respecto á lingua e ás galegas e galegos. “Desprezar o galego, excluíndoo de mensaxes de tanta relevancia”, aseguran, “non só non contribúe á loita contra a epidemia, senón que incide en prexuízos ideolóxicos sobre a nosa lingua e sobre Galiza”. Un desprezo pola lingua de Galiza que chega mesmo á exclusión do galego na atención do teléfono do Coronavirus.

Exit mobile version