Só hai dúas alternativas, proclamou Pontón, ou cambio galego da man do BNG ou a lenta decadencia que representa o PP, en definitiva, catro anos de “máis do mesmo” ou poñer en marcha o cambio galego.
“Por un lado está a Galiza gris, submisa e decadente do candidato do PP e por outro o país que representa o BNG, unha nova Galiza que se faga valer, cun proxecto de modernización, de igualdade e de xustiza social. Eses son os dous modelos: ou lenta decadencia ou cambio galego que representa o Bloque”, sintetizou Pontón, “e quero ser a presidenta do cambio galego, a presidenta dun país vivo, xusto, con impulso e iniciativa, con capacidade para tomar as súas decisións e con futuro, a presidenta que poña en marcha unha nova Galiza na que haxa igualdade e oportunidades”.
Un reto posible se o 12X hai unha gran mobilización nas urnas, segura de que cada vez son máis os galegos e gas galegas que “miran para o exemplo vasco” de como un pobo avanza “da man dun goberno que se fai valer, defendendo solucións beneficiosas para a súa sociedade e estou convencida de que iso é o que cada vez máis xente quere para Galiza”, argumentou Pontón, máxime ante un Feixóo empeñado nas mesmas recitas fracasadas.
Así, e pese a que a COVID-19 reafirmou a necesidade de reforzar os servizos públicos, “o candidato do PP mantén a súa aposta polas residencias privadas e pola sanidade privada”; nun momento que require apostar pola innovación e o coñecemento como base dun novo modelo produtivo, “o candidato do PP está de brazos cruzados anta a maior crise industrial dos últimos anos ou defende a privatización da universidade”; e cando se precisa liderado fronte á ineficacia do centralismo, “o candidato do PP mantén a súa estratexia de botar balóns fóra, sen unha nova competencia para Galiza en once anos”.
Por contra, a formación nacionalista ofrece un cambio galego e social para a gran maioría, “porque o proxecto do BNG é inclusivo, transformador e centrado na modernización de Galiza, o desenvolvemento económico e a xustiza social, desde o exercicio do autogoberno real e por todo iso pode ser apoiado por unha ampla maioría”, explicou a candidata á Presidencia, instado a unha “gran mobilización” da cidadanía nas urnas o 12X para conseguilo.
A candidatura capaz de ilusionar e mobilizar
“Se hai unha candidatura capaz de ilusionar e mobilizar para o cambio real esa é a do BNG, e para min é un orgullo e unha responsabilidade que sexamos a forza que canalice esa simpatía e ese desexo, sobre todo nun contexto como o actual”, recalcou, no que moitos galegos e galegas viven nunha situación de angustia persoal e demandan un goberno do que recibir “apoio, seguridade e garantías para saír da crise”.
Pontón puxo como exemplo desa necesidade a comarca da Mariña, “co corazón nun puño” pola situación de ALCOA, para a que comprometeu unha solución viable, -nacionalización e tarifa galega-, se ten a responsabilidade de liderar o Goberno da Xunta. O que precisa esa comarca e o conxunto do país é emprego digno e non máis persoas que se teñan que poñer á cola da RISGA ou do IMV.
90.000 M€ de rescate bancario proban que se pode nacionalizar
“Hai unha alternativa fronte ao peche para salvar a comarca da Mariña e centos de empregos porque está en risco o futuro de 3.000 familias e non queremos que se convertan en beneficiarias do IMV, nin da RISGA, queremos que teñan un emprego digno. E para iso non se pode pechar ALCOA, hai solución,-nacionalización e tarifa eléctrica galega-, só fai falta vontade política e o BNG ten esa vontade política”, recalcou Pontón.
“Non podemos permitir que se siga destruíndo emprego no país, porque iso significa pobreza, significa ter que acudir a rendas sociais por iso asumo o compromiso de nacionalizar ALCOA para garantir a produción e os postos de traballo, e que non digan que non se pode os mesmos que rescataron a banca con 90.000 M€”, alegou a líder nacionalista.