Site icon Crónica3.com A Mariña

Pilar García Porto: “Este Goberno dedicouse a traballar pola provincia na crise sanitaria. O PP, a actuar como emisario de Feijóo”

Lugo, 26 de maio de 2020. A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, asegurou que, mentres o Goberno da Deputación estivo centrado dende o inicio da crise da Covid-19 en “traballar pola provincia, polos nosos veciños e veciñas, para intentar paliar na medida do posible os efectos desta gravísima situación” impulsando medidas e coa mobilización de máis de 55M€ para inxectar nos Concellos e no tecido social e económico, o PP e o seu voceiro, “o único que fixeron foi actuar como emisarios de Feijóo, en clave electoral”. “Preocúpanlle máis os escanos que poida ter o PP nas autonómicas que os nosos veciños e veciñas, a súa situación e o seu futuro”, recalcou García Porto.

A mostra máis palpable desta estratexia foi a propia solicitude dun Pleno extraordinario que fixo o PP para abordar a crise da Covid-19, unha petición baseada en premisas que “directamente a invalidan”, asegurou a voceira socialista, porque a Deputación xa está tomando dende o principio medidas en apoio dos concellos e do tecido socioeconómico, porque a institución non dispón dos 8M€ de remanentes dos que fala o PP, pero sobre todo porque “a responsabilidade de liderar a reactivación económica do país e, polo tanto, desta provincia, é da Xunta de Galicia porque é a administración coas competencias, en sanidade, en emprego, en economía e en industria. O que pasa é que, unha vez máis, a Xunta non ten nada que dicir, nin antes, nin durante, nin despois da crise”.

“Non se pode pedir a outras administracións que fagan aquelo que é competencia da Xunta e a Xunta non fai: plans industriais, axudas ás empresas, aos autónomos, ao emprego, á reactivación económica ou á promoción do turismo”, afirmou Pilar García Porto.

A Deputada pediu ao voceiro popular “rigor, seriedade, traballo e lealdade”, pois, tal e como quedou de manifesto no Pleno ordinario que se celebrou previamente á sesión extraordinaria, “a institución non ten a día de hoxe remanentes de tesourería dispoñibles, e a Deputación, dentro das súas competencias e cos recursos dos que dispón, está respondendo á crise sanitaria con iniciativas acordes coa súa función esencial de cooperación cos Concellos, pero tamén con medidas de apoio á cidadanía e ás empresas e autónomos”.

Así, dende a declaración do Estado de Alarma, a Deputación adoptou unha vintena de medidas para paliar os efectos da crise do coronavirus e, como recalcou a voceira socialista do Goberno, mobilizou recursos económicos para inxectar tanto nos concellos, como no tecido social e económico da provincia, por importe de máis de 55M€, a través do Plan Único 2020 (con 21,3M€), cos pagos mensuais ata xuño de 11M€ aos municipios que teñen delegado na institución a xestión de impostos municipais, coa liquidación da recadación do 2019 a estes mesmos concellos por 11,5M€, co pago a provedores (2,3M€), co pago de subvencións ou coa activación do Plan Estratéxico de Subvencións (5,7M€).

Exit mobile version