Site icon Crónica3.com A Mariña

Os técnicos de turismo do xeodestino da Mariña Lucense mantiveron unha reunión telemática para compartir cuestións relacionadas coa volta da actividade nas oficinas de información turística

 A Mariña, 23 de maio de 2020. Os técnicos de turismo do xeodestino da Mariña Lucense mantiveron unha reunión telemática para compartir cuestións relacionadas coa volta da actividade nas oficinas de información turística, cando sexa posible neste período de desescalada. Avogan por extremar as medidas de hixiene e por retirar os folletos para autoconsumo e apostar, sempre que sexa posible, polo formato dixital a través de códigos QR. A xuntanza foi coordinada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Tania Hermida, sinalou que “en moitas ocasións a primeira impresión que os/as turistas reciben dun destino é o das oficinas de turismo e, hoxe en día, lograr transmitir aos visitantes un destino seguro é fundamental. Considerouse acertado comezar a reflexionar sobre este aspecto de forma colaborativa, sendo conscientes de que a prioridade son as medidas sanitarias, sociais e de seguridade para a propia poboación local ante a crise asociada á pandemia”.
Hermida indicou que “nesta xuntanza fóronse trasladando e compartindo as medidas que cada área de turismo municipal valora levar a cabo, en base ás guías para a redución do contaxio por Covid-19 no sector turístico, que foron elaboradas polo Ministerio de Industria, Comercio y Turismo en colaboración co Ministerio de Sanidad, e á espera da publicación por parte da Xunta das especificacións por subsectores de obrigado cumprimento. Unha das cuestións claves que se comentaron foi a necesidade de traballar nun destino seguro, coa correcta implementación e adaptación ás medidas hixiénico-sanitarias, así como na formación do persoal fixo e temporal que atende aos/ás turistas, co obxectivo de reducir ao máximo a posibilidade de contaxio tanto do propio persoal de turismo coma dos visitantes”.
Desde a Mancomunidade Tania Hermida sinalou que “dependendo das instalacións turísticas públicas de cada municipio valóranse diferentes accións, como a delimitación e control de aforo, a sinalización do circuíto a realizar de entrada e saída para evitar cruces entre persoas e da distancia de seguridade. Tamén, a instalación de mamparas ou o uso de máscaras, mascarillas, luvas, uniformes e dispoñer de xel hidroalcohólico, papeleiras de pedal e felpudos desinfectantes, ademais da necesidade de reforzar a limpeza de mostradores e instalacións en xeral e retirar mobiliario que poda supor un foco de contaxio. Así tamén resaltouse a conveniencia de retirar os folletos para autoconsumo e apostar, sempre que sexa posible, polo formato dixital a través de códigos QR, inhabilitar o uso de pantallas táctiles e de contar, a nivel autonómico a poder ser, cunha cartelería homologada en varios idiomas para información dos usuarios sobre as medidas e precaucións a tomar”.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade lembrou que “a día de hoxe a atención ao público das oficinas de turismo faise de xeito telemático e non se conta cunha data fixa de reapertura para a atención presencial. Esta dependerá en gran medida do proceso de desescalada, así como da posibilidade de movementos entre provincias e do que vaian decidindo os Concellos. O reinicio deste servizo, que depende de cada Concello e que nestes momentos se atopan retomando a atención presencial nas dependencias municipais doutros servizos básicos para a poboación local, tratará, na medida do posible, de facerse de xeito coordinado no conxunto do xeodestino”.
Tania Hermida explicou que “son varias as cuestións que preocupan ao persoal técnico turístico, coma a capacidade para dar un servizo de calidade aos visitantes cuns recursos que probablemente se verán minguados mais do habitual debido ás necesidades acaecidas e que os seus municipios deberán asumir, tamén á xestión dos aforos en determinados recursos e actividades turísticas así como a xestión das praias. En relación aos areais, agardan que non acabe sendo un dos problemas graves, ao non caracterizarse o xeodestino pola súa masificación, coma acontece noutras zonas de Galicia”.
Hermida engadiu que “os técnicos de turismo apelamos e agardamos paciencia e solidaridade, así coma respecto e comprensión nestes momentos difíciles para todos, tanto pola xente que visite A Mariña Lucense neste verán coma polos propios residentes, que forman parte da realidade e identidade do territorio e se caracterizan, entre outras cousas, pola súa boa acollida e hospitalidade. Xunto a autenticidade do destino, esa relación amable e directa coa comunidade local é un gran valor engadido que debemos coidar entre todos”.

Exit mobile version