Lugo, a 7 de maio de 2020. Os deputados no Congreso, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, trasladarán ao Goberno que os criterios fixados no plan de desescalada “discriminan” a varios concellos de Lugo. Refírense os populares a que, no caso da nosa provincia, hai municipios que, malia superar por moi pouco os 5.000 habitantes, a súa distribución poboacional permite unha maior flexibilidade na franxas horarias para pasear ou facer deporte. É o caso de Outeiro de Rei, Castro de Rei, Guitiriz, etc.
Ademais, os deputados lucenses expoñen que a Delegación de Asturias, co conseguinte visto e prace do Goberno de España e fronte ao que mantén a de Galicia, si que permite nos seus municipios, con características semellantes aos lucenses, paseos e a práctica de distintos deportes. É dicir, que a interpretación do órgano asturiano é máis aberta e toma como referencia os núcleos de habitantes, non os municipios; o que deixa sen restriccións a moitas persoas.
“Estamos acostumados que, dende que comezou esta crise sanitaria, Pedro Sánchez diga unha cousa pola mañá e unhas horas máis tarde rectifique; algo que xamais aconteceu e que fai que nos cuestionemos continuamente a eficacia do seu Goberno. Pero, o que non é de recibo tampouco, é que distintas Delegacións fagan interpretacións diferentes co seu consentimento. Descoñecemos os motivos polos que en Galicia o comportamento é diferente aos dos veciños asturianos. En calquera caso, pensamos que debe de replantexar este plan, tal e como xa lle están a trasladar os presidentes das comunidades”, destacan.
Afán recadatorio/sancionador
É por este motivo polo que Jaime De Olano e García Díez se dirixen ao Executivo co fin de que aclare os motivos desta discrepancia ou se incluso nesta diferenza pode existir un afán recadatorio e sancionador. Neste senso, pedirán que se revise o plan para provincias como a de Lugo, tal e como tamén demandan a Xunta de Galicia e os propios alcaldes. Concretamente, o de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, tamén manifestou que o plan do Goberno penaliza ao seu concello.