Site icon Crónica3.com A Mariña

Os 6 parques de bombeiros desinfectan os exteriores de 50 centros asistenciais da provincia por iniciativa do Presidente

 Lugo, 7 de maio de 2020. Por iniciativa do Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, os efectivos dos seis parques de bombeiros do Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento –situados en Monforte de Lemos, Sarria, Chantada, Barreiros, Viveiro e Vilalba- están a desenvolver dende hoxe tarefas de desinfección preventivas da Covid-19 nos exteriores de preto de 50 centros asistenciais da provincia. En concreto, desenvolverán os traballos en centros de saúde, residencias e centros de menores dos concellos da provincia de máis de 5.000 habitantes, así como dos centros de maiores que a institución provincial ten en Trabada, Pol, Ribadeo e A Fonsagrada.

Tomé Roca, tamén presidente do propio Consorcio de bombeiros, informa de que os traballos xa comezaron na xornada deste xoves e continuarán ao longo dos próximos días. O Presidente subliña que o obxectivo principal é contribuír á loita contra o coronavirus e dar resposta ás necesidades dos concellos da provincia: “Manter as superficies limpas é imprescindible, por iso a desinfección resulta fundamental, e máis aínda en lugares sensibles como son as residencias de maiores, e en espazos onde se atende a moitas persoas como é o caso dos centros de saúde”.

Estes traballos lévanse a cabo logo de que Tomé Roca lle trasladara por carta á Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia a total disposición do Consorcio para efectuar as tarefas, xa que ata o momento non se recibiran peticións neste sentido por parte do Posto de Mando Avanzado. Un ofrecemento que foi acollido por parte da delegación territorial da Xunta en Lugo, coa que o Consorcio coordinou a relación de lugares e concellos nos que se consideraba necesario actuar.

José Tomé subliña que esta iniciativa responde de novo á vontade de colaboración e lealdade institucional da Deputación con todas as administracións, tanto para contribuír a paliar os efectos da crise sanitaria do coronavirus, como para desenvolver con garantías o plan de desescalada do confinamento.

Planificación dos traballos
O Parque de Bombeiros de Monforte de Lemos encargarase da desinfección dos edificios da capital do Cabe. En concreto, dos seis centros para persoas con discapacidade, os catro centros de maiores, os tres centros de menores e o centro de Saúde.

O Parque de Bombeiros de Chantada actuará nos dous centros de maiores da localidade, do centro de inclusión social, do centro de menores e do centro de saúde.

O Parque de Bombeiros de Barreiros desenvolverá as tarefas nos concellos de Foz e de Ribadeo. No caso de Ribadeo, desinfectará os exteriores dos tres centros de maiores, e do centro de saúde desta localidade. E no caso de Foz, os efectivos traballarán nos dous centros de maiores e no centro de saúde.

O Parque de Bombeiros de Sarria ten programado actuar no centro para persoas con discapacidade e no centro de saúde desta localidade.

O Parque de Bombeiros de Viveiro encargarase da desinfección dos dous centros de atención a maiores, do centro de menores e do centro de saúde da capital do Landro.

O Parque de Bombeiros de Vilalba actuará nos concellos de Vilalba, Outeiro de Rei e Castro de Rei. En Vilalba desinfectarán os exteriores do centro de maiores e o centro de saúde. En Outeiro de Rei o centro de maiores e o centro de saúde. E en Castro de Rei os traballos serán nos tres centros de persoas con discapacidade, no centro de maiores e nos centros de saúde de Castro de Riberas de Lea e no de Castro.

Exit mobile version