Site icon Crónica3.com A Mariña

O rexistro xeral do Concello de Viveiro funcionará de xeito presencial dende o 1 de xuño

 Viveiro, 24 de xuño, 2020. No BOE do 23 de maio de 2020 publicouse a Orde SND/440/2020, pola que se modifican diversas ordes para unha mellor xestión da crise sanitaria ocasionado polo COVID-19 en aplicación do Plan de transición cara unha nova normalidade, entre a que se inclúe a Orde SND/414/2020, de 16 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase II do Plan para a transición cara unha nova normalidade.

En virtude do establecido nas ordes referidas, dende o goberno municipal quérese informar aos veciños e veciñas de Viveiro das seguintes cuestións:

– Tendo en conta a reanudación dos prazos administrativos con efectos do 1 de xuño, o rexistro xeral do Concello de Viveiro funcionará de maneira presencial, mediante o sistema de cita previa, a partir dese mesmo día. Todas aquelas persoas que desexen facer uso deste servizo, deben pedir cita previa chamando por teléfono ao número 982560128, entre as 9:00 e 14:00 horas. Así mesmo, dende o 1 de xuño, tamén se reanudará a atención ao público de maneira presencial nas oficinas municipais para a realización de trámites administrativos unicamente nos supostos nos que resulte imprescindible; esta atención tamén se realizará mediante cita previa que, igual que no caso anterior, debe solicitarse entre as 9:00 e 14:00 horas chamando ao teléfono 982560128.

– Acórdase o levantamento da suspensión da celebración das sesións dos órganos colexiados.

– As persoas de ata 70 anos poderán pasear e realizar actividade física non profesional en calquera franxa horaria, a excepción da comprendida entre as 10:00 e as 12:00 horas e entre as 19:00 e 20:00 horas, que queda reservada para os maiores de 70 anos e as persoas vulnerables ao COVID-19. Esta liberdade de franxa horaria, coa excepción referida, será tamén de aplicación aos paseos con menores de 14 anos, que agora tamén poderán ir cos dous conxúxes.

– En virtude do establecido en relación coa liberdade de circulación, os grupos deben ser de un máximo de 15 persoas, excepto no caso de persoas convivintes.

– Acórdase permitir o uso das praias do termo municipal de Viveiro para o tránsito, permanencia, e a práctica deportiva, profesional ou de recreo, mantendo unha distancia mínima de dous metros ou no seu defecto medidas alternativas de protección e cun máximo de 15 persoas por grupo.

Tendo en conta que a tempada alta de uso das praias neste Concello se encadra do 1 de xullo ao 31 de agosto, durante a cal se abren os servizos existentes en cada unha das praias (duchas, aseos, socorristas…), estes servizos permanecerán pechados durante a fase II.

O luns 25 de maio, terá lugar a reunión convocada pola Alcaldesa co Concelleiro de Medio Ambiente, Técnica de Medio Ambiente, Policía Local, Protección Civil e Arquitecto Municipal co obxectivo de valorar as medidas concretas de aplicación para regular o uso das praias. Para establecer estas medidas faise preciso, ademais, coñecer o Protocolo de uso das praias elaborado polo ICTE, que aínda non foi publicado. Antes do inicio da temporada de verán colocaranse nos areais os carteis definitivos coas normas de uso que se establezan.

En todo caso, atendendo as recomendacións sanitarias, recoméndase evitar a práctica de deportes colectivos e prohíbese o baño nas pozas ou regatos das praias municipais.

– Levántase a suspensión da celebración de matrimonios civís con efectos dende o 25 de maio de 2020, sempre que non se supere o 50% do aforo, e en todo caso, o máximo de 100 persoas en espazos ao aire libre e 50 persoas en espazos pechados.

– O límite máximo de persoas nos velatorios será de 25 persoas en espazos ao aire libre ou 15 persoas en espazos pechados, sexan ou non convivientes. A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de 25 persoas, entre familiares e achegados.

– Permitirase a asistencia a lugares de culto sempre que non se supere o 50 % do seu aforo.

– O aforo total nos establecementos e locais comerciais debe reducirse ao 40 %, debendo garantirse unha distancia mínima de dous metros entre clientes e establecendo un horario de atención con servizo prioritario para maiores de 65 anos.

– Pode procederse á reapertura ao público dos establecementos de hostelería e restauración para consumo no local (salvo discotecas e bares de ocio nocturno), sempre que non se supere un 40% do seu aforo e se cumpran as condicións establecidas.

– Acórdase a apertura das fontes públicas única e exclusivamente para a recollida de auga destinada ao consumo, quedando prohibido beber directamente das fontes. Neste senso mantéñense pechadas todas as fontes públicas instaladas nos paseos marítimos, praias, parques ou outros espazos públicos destinadas a beber directamente das mesmas.

Finalmente, dende o goberno municipal solicítase a todos os veciños e veciñas de Viveiro que se cumpran estritamente todas as medidas de seguridade e protección establecidas, lembrando que o uso de mascarillas é obrigatorio para todos os cidadáns maiores de 6 anos en sitios públicos, abertos ou pechados, cando non se poida garantir os dous metros de separación co resto de persoas.

Exit mobile version