Viveiro, 6 de maio de 2020. O Concello de Viveiro informa aos veciños e veciñas que esta semana se van retomar os servizos de recollida de enseres a domicilio e de cartón aos establecementos comerciais.
Con respecto ao servizo de recollida de enseres, ao longo desta semana o persoal da brigada de obras encargarase de recoller os avisos que quedaran pendentes antes da declaración do Estado de Alarma.
A partir do vindeiro luns, 11 de maio, comezarase a tomar nota dos novos avisos para proceder, na data que se lles indique no momento de anotarse, á súa recollida; para isto, todos aqueles veciños e veciñas que desexen facer uso deste servizo, deben poñerse en contacto co Concello de Viveiro chamando ao número de teléfono 606 351894, de 9:00 a 14:00 horas.
Con respecto á recollida de cartón aos establecementos comerciais, este servizo reanudarase o venres 8 de maio, manténdose nos días habituais (martes e venres) e introducindo unha variación no seu horario.
A partir do vindeiro venres incluído, este servizo prestarase en horario de mañá, de 10:00 a 13:30 horas, considerando que esta modificación supón unha mellora en canto a operativilidade e seguridade, tendo en conta que polas mañás adoita haber menos xente polas rúas.
Atendendo ás novas circunstancias, co fin de que a recollida se poida realizar dunha maneira máis segura para todos, rógase aos comerciantes que deixen as caixas plegadas e, de ser posible, flexadas. Esta medida permitirá que a recollida sexa máis segura e máis rápida, ademais de facilitar a limpeza viaria.