Viveiro, 14 de maio de 2020. O Concello de Viveiro informa aos veciños e veciñas que, en virtude das medidas previstas para a fase 1 da desescalada, a partir do luns 18 de maio, se procederá á apertura do centro de traballo de Servizos Sociais.
O centro estará aberto de 9:00 a 14:00 horas para atención telefónica diaria, recollida de citas para atencións necesarias e imprescindibles por parte das traballadoras sociais e educadoras sociais e atención presencial nos supostos nos que resulte imprescindible. Nestes últimos supostos, a atención presencial realizarase, en todo caso, mediante cita previa.
Cómpre sinalar, por outra banda, que á vista da Orde SND/399/2020, de 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restriccións de ámbito nacional establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1, poderíase proceder á apertura de diversas instalación públicas, entre elas a Biblioteca Municipal, non resultando posible neste momento a súa reapertura atendendo ás recomendacións do Ministerio de Sanidade con respecto aos grupos vulnerables, así como ao establecido no Protocolo de reincorporación presencial aos postos de traballo, aprobado polo Concello de Viveiro.