Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo aprobará o venres, 29, a terceira medida de apoio ao tecido produtivo do municipio e dará subvencións a autónomos e pequenas empresas

 Mondoñedo, 23 de maio de 2020. O Concello de Mondoñedo abre unha terceira liña de axudas para o tecido produtivo do municipio, co fin de axudar a impulsar a reactivación da economía trala crise provocada pola covid-19. As bases modificadas que regulan estas axudas indican que o obxectivo “é actuar de maneira inmediata (…) e impulsar a actividade económica (…) outorgando liquidez aos autónomos e as empresas do concello para, contribuíndo a facilitar o cumprimento das súas obrigas, axudar ao mantemento da actividade e así acadar a debida protección do emprego”. As bases que rexerán estas axudas serán aprobadas o próximo venres polo pleno, para a súa inmediata publicación oficial. O goberno municipal indica que seguirá explorando novas vías de axuda ao tecido produtivo. Hai que recordar que o pleno municipal aprobou no seu momento por unanimidade un paquete de axudas a concretar no seu desenvolvemento.
En síntese, o Concello pretende protexer o interese xeral dos veciños e das veciñas de Mondoñedo, dando soporte aos autónomos/as, microempresas e pequenas empresas, así como aos traballadores por conta allea residentes en Mondoñedo.
O goberno mindoniense considera que os concellos deben xogar un papel clave na superación da crise económica, e polo tanto de emprego. As administracións central e autonómica proporcionan recursos estándares que unicamente os concellos poden ensamblar e adaptar á súa realidade particular. Deste xeito, lonxe de invadir competencias ou producir duplicidade algunha, fan posible lograr a eficacia da dimensión local do emprego á que se apunta tanto na Ley Nacional de Empleo como pola Comisión Europea.
Estas subvencións cubriranse a cargo do vixente orzamento municipal. No caso de que finalizado o prazo de solicitude se tiveran presentado un número de solicitudes para o que non foran dabondo as contías inicialmente consignadas, poderanse ampliar os créditos ata a cobertura do maior número delas posible.
Subvencionarase o 100% do total dos gastos subvencionables, segundo se establece nas bases reguladoras destas axudas, xustificados e debidamente pagados ata un importe máximo individualizado por persoa ou entidade beneficiaria de 700 euros.
O modelo de solicitude normalizado para a obtención das subvencións está na web municipal www.concellomondonedo.es e nas oficinas municipais. As solicitudes, poderán presentaranse por vía telemática, a través da Sede Electrónica do Concello de Mondoñedo accesible no enlace https://mondonedo.sedelectronica.gal, utilizando o formulario xenérico de solicitude dispoñible na sede, ou nas oficinas municipais. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP).

Consulta
Para preparar esta liña de apoio ao tecido produtivo, o Concello consultou a todos os establecementos de hostalería, co fin de coñecer as súas necesidades. O obxectivo era buscar formulas para habilitar os espazos que se precisen para poder traballar coidando tamén ao resto de negocios. O Concello agradece o traballo efectuado pola Aciam, así como a comprensión de todos os veciños.
A liña de axudas deseñouse no marco do diálogo e da comprensión dos problemas dos distintos sectores.

Exit mobile version