Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo xa dispón de servizo de socorrismo municipal na praia do Torno e dun protocolo de seguridade específico nos areais fronte ao Covid-19

 Cervo, 30 de maio de 2020.- O Concello de Cervo xa dispón de servizo de socorrismo municipal na Praia do Torno, en San Ciprián, a de maior afluencia de xente na tempada estival.
Deste xeito, desde onte venres, 6 socorristas que forman parte do cadro de persoal da Administración local, velan pola seguridade das persoas usuarias, de luns a domingo, en quendas de mañá e tarde.
Así o explicou o edil de Deportes, David Rodríguez, que se achegou á Praia a supervisar os protocolos de seguridade e os traballos de limpeza do areal, “decidimos emprazar aos socorristas municipais neste areal desde esta mesma fin de semana, en previsión da chegada do bo tempo, e coincidindo co alivio das medidas de restrición en Galicia, onde xa está permitido o baño e o desfrute destes espazos públicos, sempre con responsabilidade e mantendo a distancia social”.
Así mesmo, nestas últimas semanas, en coordinación co Servizo Municipal de Emerxencias, traballouse na elaboración dun protocolo de salvamento e seguridade nos areais de tal xeito que se dotou aos socorristas de balóns de ventilación, de gafas protectoras especiais e de equipos de protección individual para cada técnico para que poidan realizar as intervencións de primeiros auxilios, se se dese a circunstancia, con todas as garantías tanto para o suposto lesionado como para o propio socorrista; coa máscara como elemento obrigatorio ante a imposibilidade de manter a distancia, nestes supostos. Os socorristas tamén dispoñen de xeles desinfectantes e demais material específico contra o COVID-19.
Así mesmo, tamén se instalaron carteis informativos en todas as praias do municipio nos que se lles recorda ás persoas usuarias a importancia de manter a distancia de seguridade tanto sobre a area como no baño, que eviten que as crianzas contacten con materiais e con outras persoas, que non practiquen deportes colectivos no areal e que, se detectan algún síntoma, que abandonen a praia.
Desde o Concello de Cervo pídenlle á cidadanía que goce dos diferentes areais que ten o municipio, pero sempre con responsabilidade, e seguindo as recomendacións de Sanidade.

Exit mobile version