Cervo, 26 de maio de 2020. O Concello de Cervo recupera este xoves o mercado semanal de San Cibrao ao completo, autorizando a instalación de todos os postos habituais, uns corenta en total.
A feira xa se celebrou de xeito incompleto, e dadas as circunstancias excepcionais, os días 14 e 21, coa presenza tan só dos postos da rama agroalimentaria.
No día de hoxe, e xa na fase 2 da desescalada, desde o Concello contactaron con todos os comerciantes dos sectores non alimentarios para informalos da recuperación integral do mercado e das medidas que se tomaron para salvagardar a seguridade. De tal xeito que, de xeito provisional, e para garantir as medidas de distanciamento fixadas, procedeuse a ampliar a superficie do mesmo, que abranguerá a Praza dos Campos e a Rúa do Torno; e reestruturáronse os espazos prefixados, para dar cumprimento á normativa vixente.
Nos accesos, o Concello facilitará solución hidroalcohólica de uso obrigatorio e recomenda ás persoas usuarias permanecer no mercado o tempo estritamente necesario para realizar as compras, sempre mantendo a distancia de seguridade de dous metros; e recordan que son os propios vendedores os que teñen que manipular os produtos, en ningún caso os consumidores.