O concelleiro de Cultura, José Díaz, dixo que “dada a situación que todos coñecemos respecto ao virus que nos cambiou os plans de todo tipo, incluídas as festas, en Burela se suspenderon como en todos os sitios. Ademais eran as primeiras do verán, entón eramos os primeiro que tíñamos que tomar decisións. Non sei si en agosto ou en setembro ao mellor se poden facer máis cousas, pero agora mesmo non se podería facer case ningunha”.
O edil burelés anunciou que “temos organizado unhas actividades que van quitar un pouco esa imaxe sen festas a Burela, que penso que nunca sucedeu algo así. O día 6 de xuño vaise facer un pasarrúas a cargo da agrupación cultural Dambara co grupo de gaiteiros que estarán pola tarde, de cinco a oito aproximadamente, polas rúas de Burela. Estamos intentando organizar un recorrido para que todos os barrios e zonas teñan esta pequena atracción. Dambara prestouse a facer isto e parécenos unha boa idea, ademais segura coas medidas que hai que tomar fronte ao coronavirus”.
José Díaz seguiu a relatar que “o domingo, 7 de xuño, teremos algo bastante simbólico. A Banda de Santo Inocencio vai interpretar a Salve Mariñeira no barco museo Virxe do Carme, no porto. Imos gravalo en vídeo para poder compartir esas imaxes en redes sociais e que sirva un pouco de homenaxe a esas festas que non podemos ter. Estamos pendentes de ver si se podería acompañar o canto da Salve Mariñeira cunha cerimonia relixiosa. Estamos pendentes de ver como estaría a normativa para esa data. Pensamos que é algo que pode gustar a toda a xente de Burela e especialmente á xente do mar. Non esquezamos que estas festas nosas teñen moita relación cos mariñeiros e este ano ao non ter a procesión de baixada da Virxe, sabemos que a todos nos afecta pero a eles penso que dobremente, entón se podemos facer esa misa, e incluso ter alí a imaxe da Virxe do Carme no barco museo, sen facer a procesión, e gravamos todo iso, ao menos é algo”.
O concelleiro de Cultura engadiu que “a ofrenda floral, que sempre se fai o martes ao remate das festas, neste caso sería o 9 de xuño, vaise facer igual. Sería ás doce da mañá na zona do porto, esa homenaxe a todos os falecidos no mar. Mantense igual porque é unha cerimonia pequeniña, sen complicacións, que podemos adaptar perfectamente ás medidas de seguridade que se demandan á poboación. Faremos esas tres pequenas cousas, polo menos para facerlle un guiño a esas festas que este ano non imos poder ter. É unha pena por un lado, pero por outro lado tamén é cuestión de seguridade, de conseguir a ver se entre todos somos capaces de erradicar este virus e que o ano que ven todo volva á normalidade”.
A concelleira e presidenta da comisión de festas, Toni Eijo, lamentou “non poder facer máis cousas este ano pola situación na que nos atopamos, polo Covid-19, e esperaremos ao ano que ven, momento na que as atraparemos con moitas máis ganas e oxalá poidamos facelas”.
A edil manifestou: “non podemos facelas como a nós nos gustaría obviamente, pero sen esquecernos da xente de Burela e dos mariñeiros. É a festa deles. Estamos intentando agradarlles un pouquiño esa fin de semana nas nosas posibilidades. Non nos esquecemos deles e para o ano esperamos collelas con moito máis empeño”.