Burela, 19 de maio de 2020. O Concello de Burela iniciou unha campaña de apoio ao comercio local, que leva a cabo nos medios de comunicación e nas redes sociais co obxectivo de potenciar as compras nos negocios locais. O slogan desta campaña é Compra en Burela. O comercio que te guía, aberto.
O concelleiro de Comercio e Turismo, Ramiro Fernández Rey, comentou que “onte empezamos unha potente campaña para axudarlle á hostalería e ao comercio local e que estamos desenvolvendo en diferentes medios. É unha solicitude que nos fixo a asociación de comerciantes nas reunións que vimos mantendo semanalmente con eles, entre outras cousas, esta era unha das que solicitaban, e desde logo o Concello de Burela, en todo o que poida, vai estar aí axudando ao tecido comercial e hostaleiro do pobo”.
O edil burelés explicou que “comezou onte e é unha campaña que vai ter repercusión en moitos medios ademais de nas redes sociais. É froito dese compromiso que adquirimos coa asociación de comerciantes e que intentaremos cumprir con eles en todo aquilo que nos vaian pedindo. Estamos tamén traballando para buscar algunha maneira de axudarlles economicamente ás empresas que se viron obrigadas ao seu peche durante o estado de alarma. Estamos traballando nas bases desas axudas, intentando conxugar as necesidades coas limitacións que ten o Concello para poder dar ese tipo de axudas. En todo caso xa temos planificadas, máis ou menos, unhas bases para repartir axudas entre os comerciantes que se viron obrigados a pechar. Quedarán un pouco supeditadas tamén á aprobación dos presupostos municipais, que esperamos levalos en breve a pleno. Desa aprobación dos presupostos tamén dependerá un pouco a axuda que se lles poida dar a eses comerciantes”.
Ramiro Fernández Rey anima “aos veciños e veciñas de Burela e da comarca a que usen o comercio local para facer as súas compras. Eu penso que é un momento importante no que nos necesitan, e creo que tamén é unha responsabilidade de todos co comercio local, que cando fai falta nas actividades dos pobos como as festas de Burela, actos culturais ou deportivos, achegan o seu grao de area para que eses actos poidan saír adiante, xa que sen a axuda do comercio non sería posible. Penso que é o momento de devolverlles esa confianza que depositan no pobo e que os veciños tamén depositen a súa confianza neles porque facendo as súas compras no comercio local e na hostalería local tamén están axudándolle ao pobo a ser un pobo vivo, alegre e que teña movemento económico. Penso que esa responsabilidade debemos exercela e por iso desde o Concello animamos á xente a facer as súas compras no comercio local”.