Santiago de Compostela, 24 de maio, 2020. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón recalca que as eleccións galegas deben contar con todas “as garantías sanitarias e democráticas” e reclama á Xunta electoral que actúe para impedir que Feixóo continúe utilizando os medios públicos como “canle propagandístico cun mitin diario de precampaña”.
Pontón amosa a súa preocupación polas condicións e garantías da cidadanía para exercer o voto e pide garantir a cobertura do dereito ao voto por correo e a garantía democrática do propio proceso electoral. Neste sentido, advirte que o BNG denunciará calquera circunstancia que poña en risco o exercicio do voto pola falta falta destas condicións. “Non nos dá ningunha seguridade nin tranquilidade o que poida facer un Partido Popular experto en artimañas e malas prácticas”, afirma a portavoz nacioanalista.
Por outra banda, dentro das garantías democráticas considera necesario “desconfinar” os medios públicos galegos e que a información sexa plural e ecuánime. Nesta liña, pide que se celebren dous debates, en horario de máxima audiencia, e unha cobertura plural nos espazos informativos, de opinión e tertulias.
“Enfrontamos a precampaña e campaña electoral nun contexto de falta de condicións sociosanitarias e falta de garantías democráticas”. Despois de seren aprazadas as elección, Pontón critica que “Feijóo seguira en campaña”. Para a nacionalista, a pandemia foi a coartada perfecta para xustificar a “presencia abafante de Feijóo na TVG a unha media de catro horas semanais e co desfile de conselleiros, conselleiras e cargos do PP de Galiza e o Estado”. A análise dos datos evidencia até que punto o PP fagocitou os medios públicos na crise e continuou permanente en campaña electoral.
Desde a declaración do estado de alarma, o 14 marzo, até o comezo deste semana,18 maio, Feijóo compareceu 31 veces en directo na TVG en horario de máxima audiencia, un total de 1.634 minutos. Tendo en conta que a duración media das novas do BNG son de 30 segundos, explica Pontón, “o Bloque necesitaría 4,5 anos para conseguir esta cota de pantalla”, máis do que dura unha lexislatura. E iso só no caso de que a canle pública emitise unha información no TX1 e no TX2 todos os días do ano. A esta sobreexposición de Feixóo e o PP, Pontón sumou as informacións do propio Feijóo nos telexornais e o “desfile diario” de membros do goberno ou cargos do PP.
O BNG PIDE PLURALIDADE INFORMATIVA
A situación, afirma a nacionalista, fai necesario que a Xunta electoral actúe para impedir o exercicio propagandístico diario do candidato Feijóo na TVG e na RG. A necesidade de trasladar información institucional pode ser cuberta a través doutras vías. A xuízo da líder do BNG, non ten xustificación que “un candidato dunha forza política use os medios públicos para transformar un espazo institucional nun mitin partidario diario, valorando e criticando ao resto de forzas políticas. Iso ocorre nas repúblicas bananeiras, mais non debera ocorrer nunha democracia moderna e de calidade”.
Pontón lembra que o BNG xa anunciou a súa posición “absolutamente esixente” co plan de medios da CRTVG. No contexto de limitacións e condicionantes que estamos a vivir, o desenvolvemento da campaña precisa paliar esta situación ofrecendo á cidadanía a posibilidade de contar con varios debates entre as forzas políticas para coñecer as propostas de cada unha delas polo que volve a reclamar a celebración, como mínimo, de 2 debates en máxima audiencia na TVG e RG e unha cobertura informativa que garanta a pluralidade e ecuanimidade, tanto nos espazos directamente informativos como de opinión e tertulia.