Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presentará unha moción de apoio aos traballadores de Alcoa e das industrias auxiliares ao vindeiro pleno provincial

Lugo, 5 de maio de 2020. O grupo provincial do BNG presentará ao vindeiro pleno da Deputación de Lugo unha moción de apoio as traballadoras e traballadores da factoría de Alcoa en San Cibrao e, especialmente ao persoal das empresas auxiliares, despois de que a dirección da multinacional anunciase a suspensión das tarefas de rebrascaxe das cubas de electrolise.
A decisión de Alcoa provocou o anuncio de Ertes que afectarán a uns cincuenta traballadores e que ameaza a viabilidade das empresas auxiliares, que dependen en boa medida dos contratos anuais da alumineira. Ademais, os sindicatos coinciden en valorar a medida como unha ameaza para a continuidade da propia factoría cervense xa que, na práctica, a paralización das tarefas de rebrascaxe supón a paralización de entre 5 e 7 cubas ao mes.
Atendendo ás reivindicacións que a Plataforma de empresas auxiliares -que aglutina preto dun milleiro de traballadores– ven de trasladar aos grupos políticos, o BNG presentará ao pleno provincial unha moción que solicita adopción das seguintes medidas:
– Rexeitar a medida anunciada pola multinacional de non rebrascar as cubas
– Manifestar o apoio da institución ao persoal afectado polos Ertes anunciados
– Solicitar a mediación da Xunta de Galicia para evitar que sexa efectiva a decisión da multinacional e se busque unha solución para que non paren as cubas, así coma para que ningún traballador de empresas auxiliares perda o seu posto de traballo.
– Solicitar do Goberno do Estado a súa inmediata intervención para que a multinacional non deixe morrer a nosa factoría e non se perda ningún posto de traballo.
A deputada nacionalista Mónica Freire Rancaño agarda que “a proposta teña o apoio unánime de todos os grupos políticos” xa que, argumentou, “a moción recolle as demandas dos traballadores das empresas auxiliares e traslada ao pleno provincial a preocupación polo que está a acontecer na factoría de San Cibrao e o perigo que as decisións da multinacional poden supoñer para o emprego na comarca”.
A deputada mariñá lembrou que “a actividade de alumineira supón, en condicións normais, un terzo do PIB da provincia” e remarcou que “nesta situación de crise provocada pola Covid 19, na que moitas actividades económicas están paradas a produción da factoría, considerada actividade esencial nos decretos que acompañaron o Estado de Alarma, ten unha importancia aínda maior”.
Defensa do emprego e apoio aos traballadores en todas as institucións
Os grupos municipais do BNG na comarca da Mariña tamén instarán aos grupos dos concellos a tratar e aprobar as propostas trasladadas polos traballadores das empresas auxiliares. A este respecto, a responsabel comarcal, Ana Ermida, sinalou que “a actitude do PP na Xunta negándose a reclamar a Alcoa que manteña a reparación de cubas tal como dixo o conselleiro Conde, amosa claramente a nula preocupación desta xente pola delicada situación que se está a vivir na Mariña, donde o desemprego avanza sen que desde o goberno galego se adopte ningunha medida ou solución dedicándose únicamente a botarlle as culpas ao goberno central”.
A portavoz nacional do BNG Ana Pontón e a parlamentaria Olalla Rodil, que a pasada semana participaron nun encontro dixital cos traballadores das empresas auxiiliares, trasladarán as demandas dos traballadores ao Parlamento galego.
Pola súa banda, o deputado Néstor Rego, que tamén participou na videoreunión co persoal das auxiliares, rexistrou este martes no Congreso unha iniciativa na que solicita ao goberno do Estado que interveña ante a decisión de Alcoa de suspender a rebrascaxe das cubas para evitar que os traballadores perdan os seus postos de traballo.

Exit mobile version