Santiago de Compostela, 13 de Maio 2020. A deputada Montse Prado denunciou no Parlamento que a crise do coronavirus “fixo emerxer con toda crueza a situación de deterioro, de recortes e de deficiencias das residencias de maiores mil veces denunciada”. Os 223 centros, dos que só 24 son de xestión pública, cun total de 20.000 persoas usuarias, soportan máis do 45% das vítimas mortais pola pandemia.
A asistencia ás persoas maiores “está en mans privadas convertida nun negocio lucrativo”, salienta Prado, quen critica a nefasta xestión da Xunta pese a ser coñecedora das deficiencias destes centros porque así o denunciou o Consello de Contas, así quedou recollido en actas de inspección e así o denunciou o BNG na Cámara, “pero antepuxo os intereses desas empresas, vinculas ao PP, ao interese das persoas residentes nelas”.
O epicentro do drama está nas residencias dos grupos DOMUS-VI e San Rosendo, e coa residencia de San Carlos de Celanova como primeiro centro cun brote masivo e unha taxa de contaxio entre os residentes do 82% e un cadro de persoal reducido por contaxio ao 16%, sen dirección e que precisou o apoio de veciñas voluntarias para atender a crise.
Prado preguntou á conselleira de Política Social porqué non interveu as residencias que estaban convertidas en focos de contaxios e falecementos, e porqué permitiu que tiveran que enfrontar a pandemia con persoal insuficientes, sobrecarga de traballo, falta de material de protección, ausencia de protocolos, de formación específica e de test.
“Cal é a xustificación de non ter actuado cando era un clamor o que acontecía nas residencias e foille solicitado insistentemente por familiares e polo BNG? Cando vai facilitar os datos desagregados e acumulados de cada residencia? Que lección tira de todo o ocorrido conselleira? Xa é consciente das consecuencias nefastas do modelo privatizador do PP ou precisa máis situacións dramáticas?”, interpelou Prado a Fabiola García.
“Non persevere nos erros, non pretenda impoñer un relato fraudulento porque os datos demoledores da pandemia nas residencias mostran que é preciso que rectifiquen o modelo privatizador e precario do PP e construír un modelo público para evitar que as súas empresas amigas sigan facendo negocio coa saúde dos maiores co custe demoledor que deixa esta crise”, demandou Prado.
A deputada nacionalista pechou a súa intervención destacando que máis do 45% das persoas falecidas polo virus en Galiza vivían en residencias, – o equivalente a 30.000 persoas se o calculo se extrapolase a toda a poboación-, ao tempo que insistía en reclamar á Xunta que cese na súa “opacidade” na transmisión de datos porque, a día de hoxe, non se coñece os datos de contaxios e falecementos en cada residencia do país.
No terreo das propostas, a nacionalista reclamou a planificación para a volta á normalidade das residencias; adopción das medidas para garantir que o drama vivido non se volva repetir; poñer en marcha un plan de inspección para garantir que todas as residencias cumpran as condicións precisas tanto en medios e instalacións como en rateos de persoal. Igualmente, que se publique os datos de persoas contaxiadas e falecidas en cada residencia e empezar a traballar de inmediato para crear un verdadeiro servizo galego de benestar público.