Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa a Educación de facer electoralismo coas oposicións de docentes e pide á Xunta estudar todas as garantías xurídicas para acumular as prazas dos anos 2020 e 2021

Santiago de Compostela, 27 de maio 2020. A deputada do BNG e portavoz de Educación, Olalla Rodil acusa de “electoralismo” á Xunta polas présas de Educación para abrir o prazo de inscrición, o vindeiro 1 de xuño, e pide ao goberno galego que “ explore todas as posibilidades legais para acumular nas oposición docentes as prazas de 2020 e 2021”.

Desde o BNG, afirma Rodil, “instamos ao goberno da Xunta de Galiza a estudar todas as posibilidades legais para acumular, con garantías xurídicas, as prazas de 2020 e 2021 nas oposicións docentes que terán lugar o próximo ano” e non entendemos nin compartimos as présas da Consellaría de Educación por abrir o prazo de inscrición o 1 de xuño se non é por “cálculos electorais”. A deputada pide que a consellería e o Ministerio de Educación recapaciten ante a “situación excepcional” provocada pola COVID-19 e que as xubilacións do ensino obrigatorio do ano 2020 sexan incorporadas ao concurso de oposicións.

Rodil critica que o Goberno do estado rexeite introducir cambios no Real Decreto 276/2007 para permitir “a acumulación das prazas de 2020-2021” e asegura que a pandemia fai máis necesario que nunca enfrontar novas necesidades educativas. O ensino galego precisa contar “co maior número posible de docentes” e resulta “inaceptable o desinterese” do Ministerio de Educación ante a situación extraordinaria que está a vivir Galiza pola crise da COVID-19 con consecuencias para o ensino galego.

A xuízo da deputada do BNG, “a actitude do Ministerio e a posición do goberno español evidencian a súa falta de sensibilidade con Galiza” polo que volve a reclamar que rectifiquen e o concurso de oposicións de docentes conten coas prazas acumuladas dos anos 2020 e 2021.

Exit mobile version