Burela, 15 de maio de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, manifestou tras a celebración por primeira vez do mercado semanal en Torrentes, que esa ubicación é a idónea para poder garantir as medidas de seguridade e sanitarias que recollen as normativas do Goberno. O rexedor mantivo un encontro esta mañá con todos os vendedores do mercado e asegura que o vindeiro venres estará totalmente normalizado. Llano criticou ao PP, ao que acusa de actuar con maldade, e subliña que o que queren os populares é que Burela non prospere. E insiste en que o primeiro e máis importante neste momento é a saúde e a loita contra o Covid-19.
Alfredo Llano declarou que “hoxe foi o primeiro día do mercado en Torrentes. Hai varios postos abertos. É un lugar que foi determinado como consecuencia do estado de alarma, que agora mesmo é o único en Burela que se presta, que está de acordo co que se di no Real Decreto sobre a regulamentación de seguridade con respecto ao virus, e polo tanto o que fixo o Concello de Burela, ben argumentado ademais e ben interpretado ese Real Decreto polos nosos técnicos, que fixeron unha labor extraordinaria”.
O alcalde salientou que “Torrentes é un lugar que agora mesmo garda todas as cualidades para poder facer alí o mercado con todas as garantías tanto comerciais como sanitarias. Hai moito espazo, pode ir fluidamente moita xente, hai espazo para que os postos garden unha distancia considerable, de tal maneira que a diversidade se pode manter ao mesmo tempo que hai un espazo que garante que toda a actividade se pode levar da mellor maneira posible. Aquí hai que entender que todo o que hai que valorar agora mesmo é a saúde, a saúde é o que nos debe preocupar. O que hai que facer polo tanto é loitar, con todas as armas que teñamos á nosa man, contra o coronavirus. Iso é o que se está facendo e por esa razón se está levando para Torrentes o mercado de Burela. Fixemos todo desde o Concello, ordenamos aquilo, preparámolo, limpámolo, marcámolo, demos publicidade e procuramos que os postos e a xente que vai alí estea a gusto, segura e nun entorno extraordinario, onde poden fluír e non estar preocupados de se veñen coches ou molestan en portais”.
O rexedor dixo que “é certo que houbo quizás unha interpretación, xa que comigo non chegou a falar ninguén, de que ao mellor era unha imposición levar para alí o mercado e que algunha persoa podía verse prexudicada no seu negocio porque non iría tanta xente. Penso que tal e como vin esta mañá, que estiven falando con todos os comerciantes, quedaron convencidos, e para o venres que ven vai quedar perfectamente regulado e normalizado o mercado. Hai unha demanda grande de vir poñer os postos aquí de diferentes especialidades, tanto de alimentación como de outro tipo. Polo tanto imos dar todas as facilidades para que o mercado se consolide dunha maneira definitiva en Burela. Queremos que a xente veña aquí cos seus mellores produtos, que a xente de Burela estea perfectamente atendida, poida elixir onde quere comprar e como quere comprar, e atraer á xente de fora para que veña ao mercado de Burela”.
Críticas ao PP
Alfredo Llano engadiu: “non entendo realmente a intención e a forma de facer dalgún partido político aquí de Burela que está poñendo paus nas rodas co único propósito de manifestar a súa maldade para que o pobo de Burela non avance e non faga cousas en positivo. É incrible porque ademais contrastámolo, agora falando coa xente, sabemos que houbo movemento coa única pretensión de intentar presionar para que o mercado non se levara para alí. Eu creo que con iso hai que ter moito coidado, o primeiro que debe prevalecer é atender o ben común. A nosa intención é única, propoñer un mercado que sexa bo e con todas as vantaxes posibles para os nosos veciños e veciñas. Non entendemos que haxa xente por atrás, como agora que hai unhas manifestacións do PP dicindo que fomos o único grupo que pechaou o mercado de Burela. É mala intención. Ollo co que está pasando porque a xente de Burela ten que saber que hai partidos máis preocupados de pretender machacar ao equipo de goberno de Burela que de favorecer os lexítimos intereses do pobo de Burela. Xa o está manifestando unha e outra vez, polo tanto ten a súa responsabilidade, que non sei se a terán porque as manifestacións que están facendo son preocupantes”.
O alcalde burelés manifestou: “eu agora veño do mercado, estiven falando con todos os postos, estiven falando co colectivo que se negou a abrir hoxe porque non entendía, xa que ao mellor non tiña toda a información necesaria, pero van abrir para a semana que ven. Estiven falando con eles e chegamos á conclusión de que hai que levalo alí, que poden estar alí perfectamente, que a xente de Burela, que hoxe había moita, pode estar alí perfectamente cumprindo as normas sanitarias que agora mesmo é o que debe importar. Tamén queremos que a xente de Burela desfrute, poida ir alí e pasear pola zona de Torrentes, que é atractiva en todos os aspectos. Ademais está ben instalado e todos colaborando, e imos colaborar todos tanto o Concello como os postos que van alí, para que o mercado de Burela sexa singular, importante e atractivo”.
Llano apela “á responsabilidade de todo o mundo. Aquí soamente hai un grupo que se está manifestando dunha maneira descarada en querer bombardear, alegando razóns máis comerciais que sanitarias. Non vexo que nin BNG, nin CxG, nin Vox, nin ninguén intentara boicotear isto. Polo tanto non entendo a intencionalidade que ten que explicar posiblemente un día o portavoz do PP, que diga á xente de Burela a súa intención pola que está intentado entorpecer que o mercado se instale dunha maneira garantista en Torrentes”.