Site icon Crónica3.com A Mariña

“Humanizar é democratizar, e non asfaltar”, por Roberto Bouza

Burela ven de estrear rúa anovada. Trátase dun tramo duns 130 metros da rúa Rosalía de Castro, comprendido entre Curros Enríquez e Eijo Garay, no que se realizaron obras de “humanización” (con esta denominación figuraba no proxecto) por un importe duns 157.000€ con cargo ao Plan Único de cooperación cos concellos da Deputación Provincial. Parece que o goberno local, que non conta coa maioría suficiente na corporación, terá que agardar para poder executar unha segunda fase da obra, pois no pleno celebrado o pasado 30 de abril, no que agardaba aprobar un investimento de 168.000€ para esta reforma dentro do Plan Único, non acadou o apoio dos grupos da oposición.

Independentemente de que poda haber disparidade de pareceres como é de agardar en calquera actuación executada polo goberno de turno, parece lóxico pensar que en liñas xerais se trata dunha boa nova para Burela que contará con boa acollida por parte dos veciños e veciñas. 

Mais na miña humilde opinión, non podo máis que disentir da idoneidade das obras realizadas. Aínda que a primeira vista nos poda parecer que a rúa quedou máis bonita, unha vez que nos fixamos en detalle axiña reparamos que en realidade se trata dunha mudanza meramente estética, un ‘aggiornamento’, un lavado de cara que non supón ningunha mellora substancial a respeito do que xa había antes. 

Porque colocar adoquín no lugar de asfalto para que sigan estacionando vehículos ou elevar a zona de rodadura e eliminar bordos sen aumentar o ancho das beirarrúas ou sen que se peonalice parcial ou totalmente a rúa non é humanizar nada. Humanizar non é asfaltar, nin tampouco renovar mobiliario, colocar adoquíns ou pintar de novo prazas de aparcamento, por moi boas que podan parecer esas actuacións. E vale que limitar a velocidade a 20 km/h. sexa un primeiro paso, mais para iso non era preciso realizar unha reforma deste tipo. 

De pouco vale pintar a fachada dun edificio se non acometemos melloras no seu interior para eliminar barreiras arquitectónicas ou adaptar estancias e mobiliario ás distintas necesidades. De pouco serve tamén celebrar a semana da mobilidade ou o día sen coches, se despois non se elabora un plan integral de mobilidade pensado para recuperar espazos para as persoas e poder disfrutar de rúas sen coches os 365 días do ano. E de pouco serve tamén realizar obras para “humanizar” unha rúa se estas reformas non van dirixidas a favorecer un modelo de mobilidade máis respectuoso e sustentable que trate de favorecer os desprazamentos a pé e reducir o uso do coche nos desprazamentos de curta distancia, reorganizando o tráfico se for preciso. 

Vale que haxa determinadas rúas ou tramos nos que sexa complicado dar unha solución técnica axeitada a peóns e vehículos por igual, mais se hai que escoller, sacrifícase antes un ancho de beirarrúa que unha praza de aparcamento (e sobran os exemplos en Burela). Como ben sinala o pedagogo italiano Francesco Tonucci en “A cidade dos nenos” (libro que conta con tradución ao galego), hai que “renegociar a relación de poder entre o coche e o cidadán” e ter en conta que calquera cambio profundo e ambicioso nun urbanismo máis humanizado implica que “todo aquilo que lles teremos que devolver aos nenos, ás persoas maiores e ás que sofren algunha discapacidade, teremos que llelo quitar a quen ata agora o tivo como privilexio”.

Planificación, obxectivos e medidas concretas, así como audacia e unha vontade política verdadeiramente transformadora é o que se bota en falta do goberno local en Burela. Así quedou de manifesto durante o pasado mandato (2015-2019) no que a práctica totalidade dos investimentos realizados foron para o asfaltado de rúas. A obra de Rosalía de Castro coa que arranca este mandato non é ningún avance neste sentido, antes ben é un claro exemplo da falta de planificación e da improvisación constante deste goberno, pois mentres nos últimos anos foran anunciadas obras de peonalización en tramos de Pardo Bazán e Eijo Garay (que nunca chegaron a materializarse), non deixa de chamar a atención que contra todo prognóstico, a primeira actuación dirixida a unha suposta “humanización” sexa a mencionada obra de Rosalía de Castro. 

Nunha recente entrevista, o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores afirmaba en relación ao modelo de cidade desenvolto nos últimos anos que “isto non é unha peonalización sen máis, non é unha humanización sen máis… todos estes palabros que hai por aí, un pouco parvos, que non explican ben o asunto… Eu creo que a mudanza profunda que se experimentou na cidade ten a ver coa mentalidade da xente. A xente séntese orgullosa da súa cidade. Esta é hoxe unha cidade inclusiva, feminista, democrática no espazo público”

Humanizar é recuperar espazos públicos para as persoas (para todas): as crianzas, a rapazada, as persoas maiores, persoas con diversidade funcional… Humanizar é ter un modelo de vila no que as persoas ocupen a centralidade da vida pública, en definitiva humanizar non é outra cousa que democratizar o espazo público e romper coa hexemonía do vehículo de catro rodas. O resto son enfeites, adornos e operacións de marketing que buscan dar unha aparencia de progreso e modernidade mais que no fondo non supoñen ningunha transformación real. Trátase en definitiva de mudanzas lampedusianas coas que se cambia todo para que todo siga igual.

Roberto Bouza. BNG Burela
Maio 2020

Exit mobile version