“Ningún galego, ningunha galega está agora mesmo pensando en eleccións. Estamos centrados en coidarnos, no individual e no colectivo, en ver a familia e en retomar a actividade laboral para enfrontar esta fonda crise económica e social que está a derivar da Covid-19”, asegurou.
Para o voceiro da coalición, “Feijóo e o PP viven alleos ao sufrimento e ao sacrificio da cidadanía galega. Perseveran na súa ambición política e persoal”. “O presidente da Xunta quitou a máscara e a mascarilla, temos un presidente que nunca vai de cara e, unha vez mais, procura o escudo do Goberno vasco e se ampara nel para desenvolver unha estratexia electoral que foi tecendo día tras día durante o confinamento”.
Gómez Reino lamentou que Feijóo e o PP de Galicia leven os máis de dous meses de emerxencia sanitaria empregando os recursos da Administración galega para golpear a outras Administracións e para poñer as súas siglas por riba da saúde e das vidas da poboación.
Galicia en Común-Anova Mareas reitera que porá todas as medidas e ferramentas legais do Estado de Dereito para evitar que as eleccións se celebren se no existen todas as garantías sanitarias e democráticas.
“Agardamos que esta temeridade, esta inmensa irresponsabilidade histórica non teña consecuencias sobre a saúde pública dos cidadáns galegos e que as únicas consecuencias sexan as que Feijóo pague politicamente por acelerar unha eleccións para fuxir das eivas da súa xestión”, concluíu Gómez Reino.