A Coruña, 24 de maio do 2020. O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, advertiu hoxe que a reapertura mañá dos centros educativos do país ordenada pola Xunta é unha medida “improvisada e ineficaz” que arrisca “todo o esforzo feito pola comunidade educativa durante a emerxencia sanitaria”.
“O Goberno que Galicia necesita non pode poñer en perigo a saúde dos docentes, dos estudantes e das súas familias para tapar a súa incompetencia e dar unha falsa imaxe de normalidade”, dixo. “Precisamos dun Goberno que goberne en beneficio do interese xeral, e non dos seus intereses partidistas, que é o que está a facer a Xunta de Alberto Núñez Feijóo”.
Gómez Reino referiuse á resolución da Administración autonómica que, contra o parecer dos sindicatos, ordena a reapertura dos centros este mesmo luns para a volta voluntaria ás aulas do estudantado de segundo curso do Bacharelato e dos segundos cursos de Formación Profesional de grao medio e superior.
“Trátase dunha medida improvisada e ineficaz, xa que, como lle advertiron os sindicatos á Xunta, a falta de profesorado e de medios e a nula planificación impedirán que a reapertura das aulas supoña beneficio académico algún para o alumnado”, subliñou o voceiro. “Pero ademais é unha medida imprudente, porque se adopta sen un protocolo serio en materia de hixiene e seguridade sanitaria que garanta que a reapertura dos centros non supón un risco engadido de rebrote da epidemia”.
Gómez Reino lembrou a experiencia doutros países, como Francia, onde varias ducias de colexios e institutos reabertos tiveron que ser pechados de novo en menos dunha semana despois de que se rexistraran novos casos de contaxio de Covid-19.
O voceiro da coalición tamén expresou a solidariedade de Galicia en Común-Anova Mareas coa comunidade escolar do país, que está a dar “un exemplo de compromiso fronte á desidia e a inacción da Xunta de Galicia”.