A Coruña, 9 de maio do 2020. O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, defendeu hoxe ás profesionais sanitarias de Atención Primaria en Galicia, que levan semanas alertando da inutilidade do estudo epidemiolóxico que lles encargou a Xunta en plena epidemia de Covid-19, e que lles impide centrar os seus esforzos en combater a epidemia.
“A sobrecarga de traballo á que a Xunta someteu con este estudo ás profesionais sanitarias, que loitan a diario por salvar vidas en toda Galicia, só ten sentido desde o interese electoral do presidente da Xunta”, dixo Gómez Reino.
O portavoz da coalición lembrou que numerosos expertos cuestionaron a idoneidade do estudo, e que organizacións como a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria pediron á Xunta que o deteña para liberar ás enfermeiras dun traballo engadido que non ten perspectivas de ofrecer resultado algún que poida servir na loita contra a Covid-19 en Galicia.
“Para a cidadanía, ese estudo é un malgasto de diñeiro público e de medios humanos que se iniciou en plena emerxencia sanitaria e mentres Galicia se enfronta a unha gravísima crise socioeconómica. Para Feijóo, con todo, trátase dun investimento en propaganda electoral pagado co diñeiro de todas”, subliñou Gómez Reino.
O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas lembrou que Galicia segue en situación de alarma epidemiolóxica, e instou ao presidente da Xunta a esquecer os seus intereses electorais e centrarse en apoiar o traballo de quen combate a epidemia en primeira liña desde hai semanas.
Nese sentido, lamentou a postura do Partido Popular, que tanto en Galicia como no resto do Estado está a tentar utilizar a epidemia de Covid-19 como ferramenta política.
“Feijóo está a ser o mellor asesor dese PP de Casado e Ayuso que pretende converter unha traxedia cidadá nunha vantaxe electoral, utilizando para iso os medios e recursos da sanidade pública”, concluíu.