Site icon Crónica3.com A Mariña

Gómez Reino: “Feijóo búrlase da dor e do sacrificio dun país enteiro”

Compostela, 13 de maio do 2020. O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, cuestionou hoxe a decisión do presidente da Xunta de convocar eleccións autonómicas no mes de xullo e asegurou que se trata dunha medida “irresponsable” coa que Alberto Núñez Feijóo “búrlase da dor e o sacrificio dun país enteiro”.

“Queremos manifestar a nosa máis absoluta incredulidade pola decisión de Feijóo de situar as eleccións e o seu interese electoral por riba da vida das galegas. Por antepoñer a estratexia partidista do PP á saúde pública. Feijóo quitouse a máscara do electoralismo e a mascarilla que debería levar para protexer aos galegos contra a epidemia da Covid-19 e contra a crise económica”, dixo.

Gómez Reino advertiu que as eleccións só poderán celebrarse “cando non se poña en risco a saúde dos cidadáns e cando existan plenas garantías democráticas de que ninguén deixa de pedir o voto, de decidir a súa opción de voto ou de ir votar por medo a contaxiarse ou por atoparse enfermo”.

“Que ninguén pense que en Galicia en Común-Anova Mareas non queremos celebrar as eleccións canto antes. Por suposto que si. Para acabar cos anos de recortes, mentiras e propaganda de Feijóo. Pero non estamos dispostos a que haxa eleccións se o proceso electoral pon en perigo a saúde e as vidas das galegas”, advertiu.

Do mesmo xeito, asegurou que a coalición que lidera non permitirá que se vulneren as condicións democráticas máis elementais.

“Utilizaremos todos os mecanismos do Estado de Dereito para garantir que as eleccións non se celebran se non se cumpren esas dúas condicións”, engadiu.

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que o presidente da Xunta, quen debería ter comparecido hoxe “para tranquilizar á cidadanía, dar exemplo de responsabilidade e lanzar unha mensaxe de unidade institucional”, actuara á contra anunciando un proceso electoral en plena emerxencia sanitaria, “sementando así a preocupación dos cidadáns, actuando de maneira irresponsable e partidista e dividindo á sociedade precisamente no momento en que precisa estar mais unida”.

“A nós non nos vai contaxiar a súa irresponsabilidade”, subliñou Gómez Reino, quen considerou “lamentable” que o presidente da Xunta incumprira o acordo acadado co resto de forzas políticas galegas para suspender os comicios previstos para o 5 de abril, acordo que incluía o compromiso de consensuar a data definitiva.

“A esta hora non temos comunicación algunha ao respecto”, concluíu.

Exit mobile version