O voceiro da formación na Cámara, Antón Sánchez, na comparecencia do presidente da Xunta ante a Deputación Permanente, reinvidicou hoxe o papel do sector público e das traballadoras e traballadores no combate fronte á pandemia.
“Agora pásanlles a man polo lombo, pero durante 11 anos traballaron en contra dos seus dereitos e para precarizalas. Elas son as que están demostrando que a súa ideoloxía é anacrónica e sae estrepitosamente derrotada desta crise”, afirmou.
Sánchez tamén acusou o presidente de empregar a propaganda e a intoxicación para ocultar o fracaso das súas políticas. Desta maneira, vestindo unha camiseta de ‘Defende a Galega’, criticou que a TVG non emitise outras sesións da Cámara, pero si esta pola presenza de Feijóo “no empeño do PP de convertela en Tele Feijóo”.
O voceiro lembrou que “moitas galegas e galegos pode que non coñezan que o persoal dos medios públicos levan 2 anos reivindicando que non se usen de forma partidaria polo PP. Falo disto porque como sociedade temos que tomar decisións, e para iso necesítase información, e non propaganda, manipulación e intoxicación, que é o que están facendo máis intensamente agora se cabe”.
Neste contexto, Antón Sánchez pasou a relatar como se silencian as denuncias dos familiares das persoas maiores das residencias cando sinalan os incumprimentos por parte das empresas que as xestionan, mentres a Xunta mira para outro lado, igual que acontece coas denuncias das Enfermeiras Eventuais en Loita sobre a súa situación precaria.
“Esas enfermeiras que querían despedir cando baixou a incidencia do coronavirus e non puideron. Esa é a demostración de que as súas políticas saen derrotadas desta crise, e son as que queren ocultar coa manipulación”, remarcou. Así, concluíu que na TVG “verán que todos os erros son doutros gobernos, e todos os acertos son de Feijóo”.
Saír da crise reforzando o público
Fronte a esta “política trumpiana de que nada signifique nada”, da que Sánchez puxo exemplos cos discursos realizados por Casado e Abascal este mércores no Congreso, “vostedes e os seus aliados pretenden ocultar os seus verdadeiros intereses”
“Para non caer na confusión hai que fuxir do regate curto e ver as cousas con perspectiva, porque isto será moi importante para encarar a saída da crise económica e social provocada pola pandemia. Non queremos que sexa como a do 2008, que vostedes encetaron. Hai algo que non debe esquecerse para non volver á normalidade anterior: todo o que representan indo en contra do público sae estrepitosamente derrotado desta crise”, incidiu o voceiro.
“Cando apareceu a pandemia, desapareceu a patronal da sanidade privada e emerxeron as traballadoras da sanidade pública. Sae derrotada a súa pertinaz insistencia en regalar negocios a empresas próximas ao PP para o coidado dos maiores, porque o 98% de mortes en residencias galegas prodúcese nas privadas. Saen derrotadas as súas políticas fiscais de favorecer os poderosos e de perda de peso do sistema público”, afondou Sánchez.
O rei da ocultación e a manipulación
Antón Sánchez acusou a Feijóo de facer “o contrario do que di unha vez máis. Que fale vostede de ocultación de datos, cando dun día para outro aparecen tres mil curados de repente ou cando non está dando os datos desagregados por concellos, mentres en Asturias si o fan. É vostede o rei da ocultación e a manipulación dos datos á súa conveniencia”.
A continuación, pasou a debullar outras contradicións no discurso do presidente da Xunta.
“Di que non comparten que non haxa alternativas ao estado de alarma, pero son o único grupo que non presentou emendas no Congreso propoñendo alternativas. Fala de diálogo, pero despreza o diálogo coa oposición e desoíu as propostas dos grupos para un plan de desescalada galego. Fala de autogoberno o presidente que leva 11 anos sen unha transferencia de competencias e calou ante as políticas recentralizadoras de Rajoy. Fala de preocupación polos autónomos, mentres é unha das comunidades que non aprobou axudas directas. Fala da saída da crise, pero non convocou as forzas políticas os axentes sociais.”.
Ante esta situación, Sánchez espetou que “todo é publicidade, propaganda e intoxicación. O futuro ten que ser un xiro de 180 grados a estas políticas”.
En definitiva, o voceiro destacou que no PP “queren ocultar as conclusións que sacou a maioría da xente da necesidade de reforzar o público, dar estabilidade aos profesionais da sanidade ou facer xestión pública directa das residencias de maiores. Quere ocultar as súas alternativas porque, cando isto pase, quere volver á normalidade anterior de poñer o negocio por enriba da saúde”.