Na carta ao presidente galega, Alberto Núñez Feijóo, o rexedor subliña que “Ribadeo é unha vila que vive principalmente do sector terciario, dentro do cal cobra vital importancia a hostalaría e o comercio. Neste ámbito económico era significativo o número de veciños e veciñas dos concellos próximos pertencentes tanto á Mariña Luguesa como en igual medida ao Occidente Asturiano, que se desprazaban a diario até o noso concello coa fin de mercar ou tomar algo nos negocios locais, sendo este, como se indicou, o principal motor do desenvolvemento local ribadense. Por suposto, non se pode esquecer o importante número de ribadenses que de xeito ordinario fan uso do comercio asturiano no seu día a día”.
E engade que “por mor da problemática de saúde pública ocasionada polo Covid-19, dende o comezo do estado de alarma en marzo de 2020, pódese dicir que a economía local no municipio de Ribadeo paralizouse totalmente, de igual xeito por suposto que no resto do Estado. Dende logo, é indubidable que o impacto económico ocasionado por esta crise sanitaria é incalculable a día de hoxe e todos debemos arrimar o ombreiro para pouco a pouco, na medida do posible, ir retornando á nova normalidade que nos vai tocar vivir”.
Na misiva dirixida ao presidente asturiano, Adrián Barbón Rodríguez, o alcalde ribadense alude nos mesmos termos a esas as relacións comerciais que sempre mantiveron os veciños e veciñas de Ribadeo, da Mariña de Lugo e os do Occidente asturiano, que se viron interrompidas cando se decretou o estado de alarma.
Suárez Barcia indica que “o peche da nosa fronteira administrativa co Occidente de Asturias impiden que unha parte moi importante da poboación consumidora da nosa vila teña acceso ao municipio e viceversa”.
O alcalde de Ribadeo refírese ao artigo 9.2 do BOE publicado hoxe, 22 de maio, e no que se abre a posibilidade que dende as Comunidades Autónomas de Galicia e Asturias, conxuntamente, se lle solicite ao Ministerio de Sanidade abrir con carácter excepcional a fronteira entre os veciños e veciñas de Ribadeo e do Occidente asturiano para poñer fin a esta problemática que se lles traslada.
As cartas enviadas aos presidentes asturiano e galego rematan solicitándolles que, conxuntamente Asturias e Galicia, “formulen unha petición dirixida ao Ministerio de Sanidade para que na vindeira semana que entra esta necesidade poda ser unha realidade e, deste xeito, a mobilidade entre o Concello de Ribadeo e os respectivos Concellos do Occidente Asturiano sexa permitida, en base ao artigo 9.2 da Orde SND/427/2020 do Ministerio de Sanidade (BOE Núm. 144, do venres 22 de maio de 2020). Cómpre destacar que, por sorte dentro da gravidade desta situación, tanto a Provincia de Lugo como a Comunidade Autónoma Uniprovincial de Asturias non foron dos territorios estatais máis afectados polo COVID-19, atopándose ambos os dous lugares dentro da mesma Fase 1 de desescalada, e pasando o vindeiro luns á Fase 2, polo tanto cunha situación moi semellante a día de hoxe”.
Fernando Suárez Barcia agarda que “tomen de inmediato en consideración os argumentos que se relatan, sabendo que ao propoñelos, estámolo a facer coa cabeza e co corazón, e co compromiso a partes iguais de protección contra a pandemia que sufrimos e de reactivación ponderada da nosa economía local e comarcal, así como ao restablecemento dos lazos afectivos, familiares e emocionais entre unha poboación separada por una raia administrativa ao tempo que unida pola historia e pola relación continuada a través da mesma”.