Moción de apoio ao mantemento do emprego nas empresas auxiliares de Alcoa
O BNG defenderá unha moción de apoio aos traballadores afectados por ERTE nas empresas auxiliares da multinacional Alcoa, Reymogasa e Cyrgasa promovida pola Plataforma Coordinadora das Empresas Auxiliares de Alcoa. Diego Fernández, portavoz municipal e traballador dunha delas, “reclamou tanto ao PSOE como ao PP no goberno do Estado e na Xunta de Galiza, que asuman responsabilidades e cumpran co prometido”. O nacionalista lembrou que “o PSOE ten un acordo para a investidura de Pedro Sánchez asinado co BNG no que se comprometeron a aprobar un estatuto para a industria electrointensiva que segue pendente, e o PP non pode evadirse botando balóns cara Madrid sen esixirlle á multinacional que revirta a decisión de deixar de investir e de pechar de cubas, ao tempo que recibe contiosas axudas públicas”. Diego Fernández e Xorxe Caldeiro afirmaron que “hai moitos postos de traballo en xogo agardando solucións, é hora de que tanto PSOE coma PP deixen de tirarse trastos á cabeza e acheguen solucións xa que esa é a súa función como gobernantes en Santiago e en Madrid”.
Moción para a elaboración dun Plan Galego para a Reactivación Económica
Nesta moción, a formación nacionalista reclama medidas para evitar que a crise económica derivada da pandemia do Covid-19 a acaben pagando, como xa sucedeu na crise de 2008, as clases populares e máis desfavorecidas. Con este fin, e tendo en conta que as administracións locais non teñen competencias estruturais en materia fiscal, Diego Fernández e Xorxe Caldeiro defenderán unha iniciativa na que solicitan dúas accións: primeiro, que o concello se dirixa á Xunta de Galiza para pedir a elaboración dun plan galego de reactivación económica, consensuado con todas as administracións, forzas políticas, axentes e sectores sociais. E segundo, reclamar ao goberno do Estado a derrogación da lei de Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira (a chamada Lei Montoro), que lle impide ás administración locais asumir investimentos de carácter social, e por tanto ser útiles para evitar a exclusión social. Diego Fernández e Xorxe Caldeiro lembraron que esta lei deriva da modificación exprés do artigo 135 da Constitución, acordado no ano 2011 por PSOE e PP.
Moción sobre a lingua galega
Co gallo da recente celebración do Día das Letras Galegas, o BNG leva a pleno a preocupación pola perda do uso do idioma propio de Galiza. Para a formación nacionalista a política lingüística emprendida polo actual goberno galego non vai na dirección correcta, tal e como demostran os diferentes estudos realizados polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG) en relación á lingua galega.
Entre outros puntos de acordo, Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, defenderán instar á Xunta de Galiza a que adopte medidas económicas extraordinarias para apoiar o sector da cultura e do Libro en galego. Así, pedirán derrogar o Decreto 79/2010 do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza e tamén elaborar un novo marco lexislativo que conte co consenso das forzas políticas do Parlamento galego. Ademais, instarán á Xunta de Galiza a restituír o orzamento recortado durante os últimos anos, incrementando as partidas dirixidas á defensa e promoción da lingua galega e tamén as necesarias para implementar a Lei Paz Andrade, ou reclamar do Concello de Cervo a realización de campañas de dinamización lingüística e promoción do uso da lingua galega, especialmente aquelas que teñan especial incidencia na infancia e a mocidade.