O proxecto, adxudicado á empresa Desarrolla, recolle actuacións tanto no seu interior coma no exterior. As obras contemplan, de forma precisa, a renovación da cuberta da dársena, incluíndo a substitución do canlón existente; así coma a reparación da instalación eléctrica, a substitución da maioría das luminarias e a instalación de pantallas informativas electrónicas.
O interior verase mellorado coa reparación dos falsos teitos, a substitución dos elementos de carpintería e material sanitario; así coma coa aplicación de pintura nas paredes. E no seu exterior acometerase a reparación do pavimento da zona de saída dos autobuses e colocarase un rótulo informativo.
O voceiro popular recorda que “as obras na estación de autobuses ribadense retomáronse, despois de ser paralizadas por mor do estado de alarma, unha vez o Goberno central volveu permitir a actividade entre o sector da construción”.
Instalacións máis cómodas e eficientes
Vega destaca, por outra banda, “o compromiso da Xunta de Galicia con Ribadeo tal e como demostra este investimento da consellería de Infraestruturas e Mobilidade para acometer estas obras que teñen como obxectivo mellorar ofrecer aos usuarios da terminal ribadense unhas instalacións máis cómodas e eficientes”.
O popular explica, así mesmo, que “a mellora desta infraestrutura beneficiará tanto aos ribadenses usuarios da estación de autobuses coma aos visitantes que cheguen á nosa vila a través deste medio de transporte público ao ofrecerlles un servizo completo que incluirá información sobre as liñas dispoñibles e os seus horarios e que contribuirá, á súa vez, a mellorar a imaxe de Ribadeo”.