Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020. O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia pídelle á Xunta un plan para a recuperación social e económica do país. Unha representación de CCOO reuniuse esta mañá por videoconferencia con Alberto Núñez Feijóo para propoñerlle varias medidas con esta finalidade. Na xuntanza co presidente participaron o secretario xeral do sindicato, Ramón Sarmiento, a coordinadora da Área Pública, Emilia Lamas, o secretario xeral da Federación de Industria, Víctor Ledo, e a secretaria xeral da Federación de Servizos, Lucía Trenor.
Nesta longa reunión —case dúas horas e media—, tanto Feijóo como os conselleiros de Facenda, Valeriano Martínez, e Economía e Industria, Francisco Conde, amosaron «boa disposición», segundo Sarmiento, para establecer un «principio de arquitectura» sobre este proceso de diálogo. «Entendemos que ten que haber un emprazamento do Goberno galego ao conxunto de axentes sociais, económicos e políticos para chegar a un amplo pacto de reconstrución no ámbito social e laboral», apunta o dirixente sindical.
O Plan de recuperación social e económica solicitado por CCOO «debe supoñer a redefinición do Plan estratéxico de Galicia 2021-2030», explica Ramón Sarmiento, pois a «actual situación ten un impacto non previsto hai tan só dous meses», data en que rematou o proceso de consultas do dito plan.
Para isto, será necesario «abrir un proceso extraordinario de concertación» no que se convoque as organizacións sindicais máis representativas, a patronal galega e os partidos políticos presentes no Parlamento e representantes das Administracións provinciais e municipais.
Segundo o secretario xeral de CCOO, o actual contexto en Galicia superponse a unha situación «especialmente delicada» en diversos ámbitos industriais, como o aluminio, o naval, o termoeléctrico, o pasteiro ou o binomio mar-industria, «nos que cómpre adoptar decisións con urxencia», apunta Sarmiento. Así mesmo, esta crise demostrou que é preciso «articular respostas amplas que faciliten o cambio a un modelo produtivo máis sostible», sinala o dirixente sindical.
O secretario xeral de CCOO tamén coida «imprescindible» reformular e reforzar as respostas nos eidos da saúde, especialmente no que atangue á atención primaria, na dependencia e nos servizos sociais, aumentando a dotación de recursos. No ámbito educativo, a capacidade de integración do noso modelo está «seriamente deteriorada e débese iniciar xa o diálogo necesario» co conxunto da comunidade educativa de cara ao vindeiro curso. Canto ao turismo, o comercio e a hostalaría, «os desafíos existentes requiren predisposición para promover unha resposta de país».
En definitiva, Galicia precisa que progresivamente «se recuperen a normalidade e a capacidade de crecemento económico», cunha repartición máis xusta, impulsando a mellora do emprego e combatendo a precariedade. Un proceso que, «por forza, debe ser inclusivo nos ámbitos da dixitalización e da transición tecnolóxica, cunha resposta transversal ao cambio climático», conclúe Sarmiento.
Diálogo social, emprego público e liberdade horaria
Outras cuestións abordadas na xuntanza do presidente foron a concertación social, as ofertas de emprego público e a liberdade dos horarios comerciais. CCOO esixiulle á Xunta de Galicia a execución dos acordos do diálogo social asinados o ano pasado —incluíndo as achegas asumidas na reunión do 22 de abril—, así como dos pactos laborais na Administración autonómica —execución dos acordos de estabilización e consolidación 2020 e anticipación da oferta de emprego público 2021—, para responder á necesidade de reforzar os servizos públicos e a imprescindible xeración de emprego.
O sindicato tamén instou o Goberno galego a reverter a norma aprobada ao inicio da crise sanitaria que permite liberalizar os horarios comerciais, unha situación que, na práctica, está beneficiando a unha única empresa. No ámbito social, CCOO reiteroulle ao presidente da Xunta a necesidade de implantar unha axuda extraordinaria para conciliación, na liña da proposta xa o pasado 20 de marzo na Comisión de seguimento laboral do COVID-19.