Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “O Plan Poscovid que defenderemos no pleno extraordinario é esencial para apoiar ao tecido produtivo e axudar a reactivar a economía”

 Lugo, 26 de maio de 2020. Os populares non perden a esperanza de que o Plan Poscovid-19 que defenderán a primeira hora da tarde na Deputación na sesión extraordinaria por eles solicitada saia adiante, porque é imprescindible para apoiar ao tecido produtivo da provincia e impulsar a reactivación da economía. A proposta popular inclúe dedicar oito millóns de euros a este plan, catro en axudas directas ao tecido empresarial e o resto a obras.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, en declaracións previas ao inicio da sesión plenaria, lamentou as formas empregadas polo goberno provincial na convocatoria da pleno extraordinario solicitado polo PP. A este respecto, declarou: “Poñer un pleno extraordinario detrás dun ordinario é quitarlle contido, que supoñemos que é o que pretende o goberno; ademais, convócase para as dúas da tarde, cando se podía facer ás 10 da mañá (a sesión ordinaria está fixada para as 11.00), porque durará unha media hora”. Considera que “o Plan Poscovid que defenderemos no pleno extraordinario é esencial para apoiar ao tecido produtivo e axudar a reactivar a economía”.

En canto a proposta de Plan Poscovid que presenta o PP, Castiñeira di que sería moi positivo para a provincia e que outras deputacións xa deseñaron iniciativas similares. O portavoz popular explica: “Propoñemos un plan dotado con oito millóns de euros, catro para axudas directas ao tecido empresarial, que o está pasando mal e vai ter un ano moi complicado, e outros catro millóns para obra pública, para mellorar estradas e para outras intervencións”.

Castiñeira explicou outros aspectos do plan que propoñen os populares: “Pedimos que se faga unha comisión de seguimento, na que participen os representantes dos grupos políticos da Deputación e do tecido económico da provincia”. Igualmente, a iniciativa do PP inclúe “a constitución de seis equipos para desinfección durante todo este ano e especialmente durante o verán, con maior atención ás localidades nas que haxa máis concentración de persoas”. Aclara que “é un plan necesario, porque ata hoxe non se fixo realmente nada, só falar do plan único e do plan de subvencións que son planes prealarma, que xa se facían en anos pasados”. Concluíu recordando que “o único que se fixo foi gastar 250.000 euros en material de protección sanitaria contra a covid-19, despois de pedilo insistentemente o PP e facelo corenta días despois de decretada a alarma”. Castiñeira di: “No PP temos a esperanza de que o goberno da Deputación aprobe esta proposta e o plan saia adiante, aínda que vistos os 75 días que levamos ata agora, o caso omiso que fixo da oposición, sabemos que non o teremos fácil. Igual, por unha vez, nos sorprende positivamente o presidente Tomé, porque para sorpresa negativa xa chegou a súa actitude pouco conciliadora e nada dialogante nun momento especialmente complexo como é o que vive a provincia neste crise sanitaria e económica”.

Exit mobile version