No protocolo establecido entre a Deputación e o Concello de Xove, o organismo provincial comprometíase a redactar os proxectos para a reparación das dez vías incluídas no acordo e a executar as obras necesarias en dúas delas, concretamente a que conduce ao Portiño de Morás e a que pola parroquia de Monte chega a Valcarría e conecta co municipio de Viveiro; unha vez feitas as obras, as vías pasarían a ser de titularidade municipal e, polo tanto, o mantemento correría a cargo do Concello. Á vista do ocorrido no pleno, o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, sinalou: “PSOE e BNG votaron en contra da moción para amañar as estradas de Xove segundo o acordo que tiñamos firmado co anterior presidente da Deputación. Vergonzoso por parte dos dous, pero o do Bloque non ten nome. Notouse que levaba indicacións do BNG de Xove, pois algunha cousa en sentido similar xa escoitara no pleno de Xove. Está claro que miran máis polo interese político que polo dos veciños. Segundo ese acordo, o Concello de Xove pagaría máis do 60% das reparacións”.
O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala que nos dous últimos plenos socialistas e nacionalistas, que xa demostraron sobradamente que con eles á fronte a Deputación sempre chega tarde para solucionar os problemas de Lugo, prefiren manterse instalados no uso da institución provincial para facer oposición á Xunta e a Alberto Núñez Feijóo. Non é esta unha interpretación caprichosa, di Castiñeira, como se pode comprobar só con revisar os debates plenarios. Manifestou: “Socialistas e nacionalistas desenvolven de seguido unha estratexia moi querida por toda a esquerda, que a segue ao pé da letra desde que ocupa a presidencia de España o socialista Pedro Sánchez, en alianza co neocomunista Pablo Iglesias: acusar aos outros de actuar como o están facendo eles, aínda cos outros nada fagan como eles din. Iso é o que pasa co PSOE e o BNG na Deputación, que, ademais de cargar continuamente contra a Xunta e Feijóo, acusan falsamente ao PP de practicar un electoralismo no que eles son mestres en todo momento”.
Castiñeira sinala que o desprezo co que o goberno encabezado polo socialista Tomé trata o compromiso firmado polo seu antecesor co alcalde de Xove é unha mostra da súa total falta de fiabilidade. “É inaudito”, puntualiza. Se os acordos entre institucións non teñen valor ningún, dixo o portavoz popular, como asegura a deputada Mónica Freire no caso de Xove, entón está en moi serio perigo o modelo político institucional en España.
Os populares cren que PSOE e BNG ven mal para eles o horizonte político en Galicia e que por iso nas dúas sesións plenarias do martes se apreciou, en palabras de Castiñeira, “moito negativismo no bigoberno provincial, que rexeitou todas as propostas populares, por máis importantes que sexan para Lugo, como se demostrou no caso do apoio pedido para garantir o futuro de Alcoa, aplicar un Plan Poscovid e no rexeitamento a cumprir o acordo firmado co concello de Xove en 2018”.