O PP avisa de que sería unha grave irresponsabilidade por parte do presidente da Deputación non convocar pleno ordinario este mes. Castiñeira di que “nada hai que impida a celebración da sesión; por iso, pedimos que se convoquen as comisións e que o pleno se desenvolva con normalidade, coas medidas que sexan precisas e adecuadas ao momento que vivimos na desescalada do confinamento”.
Os populares mostran a súa estrañeza polo feito de que, ao longo de toda esta crise sanitaria, o presidente da Deputación non chamase nin nunha soa ocasión ao portavoz do grupo da oposición (PP), que é o que ten máis membros, para informar ou comentar o estado de cousas e buscar acordos moi necesarios en momentos tan delicados para a provincia. “Non entendemos tanto secretismo”, di Javier Castiñeira, “nin comprendemos o medo que parece ter o presidente a todo o que sexa debate, un medo que quedou de manifesto na súa teimuda negativa a convocar a reunión da xunta de portavoces que solicitamos, para deseñar e executar un plan de intervención directa da Deputación para axudar á provincia a superar as dificultades económicas derivadas da crise sanitaria”. Castiñeira puntualiza: “A Deputación ten que celebrar este mes pleno ordinario, ten que acabarse o tempo do secretismo e de gobernar a golpe de decreto”
Castiñeira declarou: “O caso é que, por decisión do seu presidente, a Deputación leva politicamente pechada dous meses, nos que se gobernou a golpe de decreto; está claro que Tomé, como Pedro Sánchez, atópase moi cómodo gobernando de modo presidencialista e a golpe de decreto”. Engadiu: “Aos socialistas, e aos seus socios nacionalistas, éncheselles a boca falando de participación cidadá, de necesidade de consenso, de democracia, pero, á hora da verdade, o que fan é todo o contrario: pechan a porta á participación, polo tanto á posibilidade de consenso e, como consecuencia, empobrecen a democracia. Isto que digo non é unha afirmación caprichosa, é o que poden ver e comprobar os lucenses: son feitos”.
De novo, e pese a que todas as chamadas ao diálogo feitas polo PP ao goberno provincial caeron en saco roto, os populares tenden a man para sumar, para traballar e colaborar para axudar a que a provincia supere canto antes as dificultades provocadas pola crise sanitaria e as súas consecuencias económicas. Castiñeira expresa unha sospeita: “Non sei se no goberno provincial non se estará confundido a nova normalidade da que fala Pedro Sánchez coa anormalidade democrática que se vive a día de hoxe na Deputación”.