Lugo, 7 de maio de 2020. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou o importante papel que están a realizar os Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) da provincia de Lugo na aplicación das medidas de desinfección de espazos públicos e na prestación de servizos á poboación durante o confinamento.
Balseiro mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia cos representantes dos cinco GES da provincia: Becerreá, A Pontenova, Monterroso, Cervo e Quiroga-Folgoso. Cada un atende a varios concellos ata sumar unha trintena, se ben durante estas semanas centraron o seu labor principalmente nos citados municipios, nos que teñen base.
Os GES están a realizar tarefas de desinfección de espazos públicos como as contornas de centros de saúde, e residencias de maiores ou de persoas en situación de dependencia, en coordinación co Servizo de Prevención e Defensa de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural. Tamén noutros puntos sensibles, como acceso a farmacias ou as beirarrúas máis transitadas.
Igualmente, durante estas semanas estiveron colaborando no reparto de máscaras ou na achega de produtos de primeira necesidades aos veciños e veciñas confinados, como alimentos ou medicamentos.
Os GES son os servizos profesionais de emerxencia máis próximos aos cidadáns, complementando a rede profesional de xestión e atención ás emerxencias de Galicia baixo a coordinación do 112 Galicia,
A Xunta asume a maior parte do seu financiamento, no que tamén colaboran as administracións locais. Ademais, o Goberno galego facilita aos GES medios materiais e formación para o bo desenvolvemento do seu traballo.