Así llo trasladou hoxe ao presidente da Federación de Voluntarios de Protección Civil de Lugo, José Franco Criado, e a representantes de varias das 43 agrupacións lucenses, nun encontro por videoconferencia no que tamén se abordaron as achegas e necesidades deste colectivo.
Na reunión, ademais do delegado, estivo presente o xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Ramón Carballo, o xefe provincial do Servizo de Emerxencias, Daniel Díaz e a xefa da área técnica, María José Nistal. Tamén representantes das agrupacións de Vilalba, Foz, Viveiro, Mondoñedo, Guitiriz, Sober e Ribas de Sil.
Cómpre lembrar que os integrantes das distintas agrupacións lucenses, como ás do conxunto da comunidade, están activados e a disposición dos seus respectivos concellos ou operativos de emerxencias “desde o principio do estado da alarma e tras a activación en Galicia do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga)”
Preto dun millar de operativos
De feito, as AVPC que están traballando sobre o terreo e levan realizado, a día de hoxe, case 1000 operativos (942 actuacións rexistradas) de todo tipo. A maioría destas accións consistiron no reparto de alimentos e medicamentos, así como visitas a persoas que viven soas para comprobar o seu estado, accións que se desenvolveron especialmente no rural. Tamén se ocupan doutras funcións como a desinfección de lugares públicos ou tarefas de apoio ás forzas e corpos de seguridade ou operativos sanitarios.
En definitiva, “un traballo imprescindible e insubstituíble que están realizando baixo a coordinación da Xunta”.
O delegado territorial destacou a importancia de todas estas accións e trasladou o apoio do Goberno galego aos voluntarios e voluntarias. Neste ámbito, destacou que o Goberno galego quixo colaborar realizando envíos periódicos de material de protección a todos os concellos -máscaras, guantes, traxes, elementos para desinfectar…porque é un persoal que “necesita estar protexido”.
Ademais, Balseiro recordou que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 12 millóns de euros en equipar estas agrupacións no conxunto da comunidade e brinda formación aos voluntarios a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).