Santiago de Compostela, 20 de maio de 2020. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantiveron esta mañá un encontro por videoconferencia con representantes do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, aos que transmitiron unha vez máis o apoio da Administración autonómica.
Tal e como apuntou o conselleiro, a Xunta pide que o Goberno aborde, xunto ás centrais sindicais e os empresarios, a situación da industria electrointensiva na mesa do diálogo social, incluíndoa nas súas prioridades para que poida haber “unha solución inmediata para Alcoa San Cibrao”, do mesmo xeito que se lle está buscando unha solución a aspectos tan importantes como os expedientes de regulación temporal de emprego, a liquidez ou a sectores produtivos como o turismo e o comercio.
Conde subliñou que “estamos nunha situación límite na que non temos unha resposta nin unha concreción do prezo eléctrico” por parte do Goberno que poida permitir a viabilidade da planta lucense e dar unha solución ás 1600 familias que dependen dela.
O conselleiro indicou que “o Goberno non ten a situación de Alcoa na súa axenda industrial”, engadindo que “se non hai unha rectificación, estaremos ante un proceso de desmantelamento da industria do aluminio” en Galicia e tamén en España.